- Tematica
No Consello Escolar Municipal celebrado esta semana no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, informouse dos custos e ingresos da xestión municipal dos comedores escolares, que ofrece na actualidade 1.400 menús diarios. Un Plan Económico Financeiro elaborado pola Universidade de Vigo que estima a evolución dos comedores municipais nos próximos dez anos.
A web do Concello de Ames recolle no apartado de Transparencia - Acción de Goberno os informes do Observatorio Municipal de Educación elaborados dende o ano 2016.
Neste ano 2019 faise público o Plan Económico Financeiro (PEF) elaborado pola Universidade de Vigo, a través do Grupo de Investigación de Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia e os profesores Xavier Simón Fernández e Xavier Martínez Cobas.
O PEF contén a información dos datos económicos da prestación actual e previsión para 2020, a proxección da demanda, así como a simulación de ingresos e gastos de 2020 a 2029 entre outros aspectos como as fontes de financiamento e custos de provedores.
O concelleiro de Educación, David Santomil, e o profesor Xavier Martinez Cobas presentaron os principais datos do PEF no Pleno do Consello Escolar Municipal de Ames, que pode descargarse nesta ligazón.
O contido do PEF permitirá que o goberno municipal poida traballar no deseño dos programas de conciliación da vida laboral e familiar, do que forman parte da Rede Municipal de Comedores Escolares.