Solapas principales

O Concello de Ames publica o Calendario Fiscal do ano 2023

Jueves, 26 de enero de 2023

A Concellaría de Economía e Facenda vén de publicar o Calendario Fiscal de 2023 e de actualizar na web municipal a información tributaria recollida na súa páxina de transparencia, que inclúe información sobre a calendarización dos pagos de impostos, taxas e prezos públicos, así como as medidas de flexibilización e fraccionamento dos impostos municipais, incluíndo como novidade  o acceso á información sobre as distintas bonificacións e execcións recollidas nas  ordenanzas do Concello de Ames para os distintos impostos, taxas e prezos públicos.

Dentro da información proporcionada están os datos das medidas de flexibilización, aprazamentos e fraccionamento de impostos municipais. A veciñanza amesá poderá acollerse as medidas de flexibilización de impostos, que inclúen o sistema especial de pagamento voluntario dos recibos en dous prazos, sen xuros, ademais do Plan de pago individualizado de impostos en 10 mensualidades para os impostos municipais xestionados pola Deputación da Coruña (IBI, IAE, vehículos, vaos e terrazas). Neste senso, recórdase que xa se pode solicitar o pagamento voluntario en dous prazos para o IBI, o IAE e os tributos de vaos e terrazas. Para obter máis información pódese escribir ao enderezo de correo atencion.tributaria@dacoruna.gal, ou ben chamar ao número de teléfono gratuíto 900 132 204. Preme aquí para consultar a información tributaria do Concello de Ames.  

A Concellaría de Economía e Facenda do Concello de Ames pon a disposición da veciñanza amesá o Calendario Fiscal 2023 do Concello de Ames, onde se inclúen os diferentes prazos de pagamento para os tributos xestionados pola Deputación da Coruña, o Imposto de Bens Inmobles (IBI), Vehículos (IVTM), Imposto de Actividades Económicas (IAE), Taxa de vaos e Taxa de terrazas, así como dos tributos xestionados polo Concello.

Deste xeito, o calendario recolle as datas de cargo dos recibos domiciliados, as datas do período voluntario de pago dos recibos non domiciliados, e as datas de cargo dos recibos domiciliados mediante o sistema especial de pagamento voluntario en dous prazos sen xuros. Respecto dos tributos xestionados pola Deputación as datas reflectidas no calendario están pendentes de confirmar, non obstante son datas que soen repetirse todos os anos e que se actualizarán no momento en que se confirmen por parte da Deputación da Coruña.

Como todos os anos desde a Concellería de Economía e Facenda iníciase a Campaña Tributaria 2023, unha acción informativa sobre as medidas tributarias que se puxeron en marcha en colaboración coa Deputación da Coruña.

As medidas de flexibilización vixentes dos pagamentos de impostos municipais xestionados pola Deputación da Coruña son as seguintes:

1) Sistema especial de pagamento voluntario (2 prazos):
A veciñanza amesá pode solicitar o pagamento voluntario dos recibos en dúas datas, sen xuros. O prazo para acollerse a este modelo está aberto, e a solicitude debe presentarse na Deputación antes do envío da remesa de domiciliacións bancarias do primeiro prazo do período do correspondente pago voluntario.

O prazo para acollerse ao pagamento voluntario en dous prazos está aberto para aqueles recibos que aínda non se emitiron (IBI, IAE, vaos e terrazas). Preme nesta ligazón para descargar o modelo de solicitude.

2) Plan especial de pagamentos individualizado (10 prazos):
Establécese un sistema especial de pagamento de cotas por recibo, podendo realizar o pagamento de un ou varios impostos municipais de carácter periódico (IBI, vehículos, IAE, vaos e terrazas) en 10 mensualidades, o día 5 de cada mes, sen xuros.

A solicitude deberá estar aprobada antes do 1 de xaneiro de cada ano con efectos para o exercicio seguinte. Preme nesta ligazón para descargar o modelo de solicitude.

As/os contribuíntes interesados en acollerse ao pago en dez ou en dous prazos poden solicitalo na Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou de forma presencial en calquera das oficinas tributarias da Deputación.

Será requisito indispensable para acollerse a estes dous sistemas de pagamento ter domiciliado os recibos.

Poderán solicitalo a través da web da Deputación (Servizos Tributarios/Impresos), da Oficina Virtual Tributaria (OVT) ou en persoa a través de calquera das oficinas tributarias da Deputación da Coruña.

Os modelos de solicitude poden solicitarse na Deputación da Coruña que mantén aberto o Servizo de atención ao contribuínte a través do teléfono gratuíto 900 132 204 ou do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal, así como a través da Oficina Virtual Tributaria na que se poden realizar os trámites, consultas e xestións ás 24 horas do día, os 365 días do ano.

Medidas para aprazamentos e fraccionamentos de impostos e taxas
Outra información importante que achega a Concellaría de Economía e Facenda é a relativa aos aprazamentos ou fraccionamentos das débedas, tanto en impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña, como as xestionadas directamente polo Concello de Ames.

En ambos casos, haberá que solicitalo antes da data de cargo, no caso dos recibos domiciliados, e antes da data da fin da voluntaria, no caso dos recibos non domiciliados. No caso dos impostos e taxas delegadas na Deputación da Coruña (IBI, vehículos, IAE, vaos e terrazas) as solicitudes deberán presentarse na Sede Electrónica da Deputación dirixida ao Servizo de Recadación, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono gratuíto 900 132 204, ou a través do enderezo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal.

No caso dos impostos e taxas xestionadas directamente polo Concello de Ames (taxa do lixo, saneamento e auga; taxa do cemiterio municipal; taxa pola utilización privativa de caixeiros; taxa dos servizos complementarios educativos e de conciliación; taxa polo servizo de axuda no fogar; taxas dos servizos lúdicos; varios prezos públicos) as solicitudes deberán presentarse na Sede electrónica do Concello de Ames dirixida ao Servizo de Recadación Municipal, ou por calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Para máis información, as interesadas/os poden chamar ao número de teléfono 981 88 48 96, ou enviar un correo electrónico a través do enderezo ames@canaltributos.com.

Nos recibos delegados para a súa xestión na Deputación da Coruña poderán aprazarse e fraccionarse débedas de mínimo 100 euros en distintos prazos ata un máximo de 12 mensualidades, e no caso de débedas superiores a 3.000 euros ata un máximo de 24 mensualidades. A concesión será automática para débedas de contía inferior a 30.000 euros, tan só terán que xustificar a insuficiencia de medios para poder facer fronte ao pago cunha declaración responsable.

No caso dos recibos das taxas que xestiona directamente o Concello poderán aprazarse débedas de importe superior a 100 euros e no caso de situacións de exclusión social ou risco tamén as débedas inferiores a ese importe. A concesión será automática para débedas inferiores a 6.000 euros e non terán que xustificar a insuficiencia de medios. Poderán fraccionarse por tramos dependendo da cantidade e os tramos van desde un máximo de 6 meses para débedas de entre 100 euros e 300 euros ata un máximo de 21 meses para débedas superiores a 4.500 euros. Tamén se poderán ampliar estes prazos en situacións de exclusión social ou risco.

Novidade: información sobre as  bonificación
Como novidade este ano ponse a disposición da veciñanza a información resumida e sintetizada das bonificacións e exencións recollidas nas distintas ordenanzas reguladoras do Concello de Ames. O obxectivo é facilitar dita información de xeito máis transparente e directo, enumerando as distintas ordenanzas e indicando os artigos e apartados onde se regulan as bonificacións e exencións, así como un resumo das bonificacións e os seus porcentaxes. Para ver a información máis detallada dos requisitos e bonificacións haberá que consultar as distintas ordenanzas que están publicadas na páxina de transparencia do Concello de Ames na pestana de Información Tributaria e tamén na pestana de Normativa Municipal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Beneficios de ser amesano: pago de tributos en dos plazos y sin intereses"

O Concello de Ames publica o Calendario Fiscal do ano 2023

Multimedia

  • O Concello de Ames publica o Calendario Fiscal do ano 2023
  • O Concello de Ames publica o Calendario Fiscal do ano 2023
  • O Concello de Ames publica o Calendario Fiscal do ano 2023