Solapas principales

O Concello de Ames pretende investir preto dun millón e medio de euros no cambio de 4.540 puntos de luz do rural por outros máis eficientes

Lunes, 02 de septiembre de 2019

O Concello de Ames presentou unha solicitude de subvención ao IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) para a execución e desenvolvemento dun proxecto singular de aforro e mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural. Deste xeito, preténdese substituír 4.540 puntos, o que representa o 64% do total de luminarias. Estes puntos para substituír englóbanse en 120 centros de mando, que tamén serían reformados, representando o 69% do total de centros presentes no termo municipal. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.470.288,94 euros. Para elo solicitase unha axuda ao IDAE do 80% do orzamento total que ascende a 1.176.231,15 euros. O 20% restante, 294.057,80 euros, será sufragado con fondos propios municipais. 

Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, compareceron en rolda de prensa para presentar a memoria do proxecto de solicitude de subvención ao IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) para a execución e desenvolvemento dun proxecto singular de aforro e mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural. A documentación de dita solicitude estase cargando na xornada de hoxe para optar a dita convocatoria de axudas, regulada polo Real Decreto 616/2017, do 16 de xuño, e que se enmarca dentro do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

Concretamente, o Concello de Ames pretende substituír 4.540 puntos de luz por outros máis eficientes; estes englóbanse en 120 centros de mando e representan o 64% do total de luminarias do municipio. Coa devandita actuación, grazas á baixada de potencia e á adecuación dos horarios de funcionamento do sistema de iluminación, alcanzarase un aforro enerxético do 53% respecto a situación actual. As luminarias incluídas no proxecto singular e que serán substituídas por outras máis eficientes atópanse maioritariamente en vías rurais.

O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.470.288,94 euros e a subvención solicitada ao IDAE é do 80% do total. O cofinanciamento que achegará o IDAE, en caso de aprobarse a solicitude de axuda, procede dos fondos FEDER da Unión Europea cos que se dotou o eixo 4 do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020, destinado integramente ao cofinanciamento de proxectos que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. Polo tanto, a través dos fondos europeos, no caso de que sexa aprobada a solicitude, o Concello obtería unha contía de 1.176.231,15 euros. O 20% restante, 294.057,80 euros, será sufragado con fondos propios municipais.  

O Ministerio para a Transición Ecolóxica do Goberno de España, a través do Real Decreto Real Decreto 316/2019, do 26 de abril, modificou o Real Decreto 616/2017, do 16 de xuño, polo que se regulaba concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa operativo FEDER de crecemento sustentable 2014-2020, ampliando os beneficiarios, o orzamento e a vixencia do mesmo, permitindo así aos municipios de máis de 20.000 habitantes acceder a unha convocatoria que, inicialmente, previuse só para entidades locais ou agrupacións de municipios de menos de 20.000 habitantes.

Aforro enerxético do 53%
O obxectivo destas subvencións é fomentar e promover a realización de actuacións, por parte dos municipios españois ou agrupacións formadas por municipios pertencentes a unha mesma comunidade autónoma, ademais das Cidades de Ceuta e Melilla, que reduzan as emisións de dióxido de carbono mediante a execución de proxectos singulares de aforro e eficiencia enerxética, mobilidade urbana sustentable e uso das enerxías renovables, conforme ao disposto no Programa Operativo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, explica que “a intervención que se pretende executar recolle o cambio de 4.540 luminarias e 120 centros de mando do alumeado público do rural. Isto representa o 64% do total de luminarias do municipio. Este cambio suporía un aforro enerxético do 53% que sería un importe de 135.563 euros ao ano. Deste xeito, a inversión feita quedaría amortizada nun período aproximado de 10 anos. Ademais, vanse deixar de emitir máis de 500 toneladas de CO2 ao ano. A través desta actuación tratamos de poñer en valor que somos un concello que aposta pola sustentabilidade e pola eficiencia enerxética”.

Ames vai ser eficiente no 100% do seu territorio
Este proxecto enmárcase dentro dun plan máis amplo a través do cal se pretenden cambiar as luminarias e centros de mando do 100% do alumado público municipal. Deste xeito, a este proxecto do cambio de luminarias do rural únese o proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación no Milladoiro, que está en fase de licitación, cun orzamento base de 356.837,92 euros, e mailo proxecto de cambio de iluminación na localidade de Bertamiráns, que está incluído no Plan Impulsa Ames e que conta cun orzamento inicial de 361.459,3 euros. Este proxecto está previsto que se licite en 2020.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que “hoxe o que nos ocupa é a presentación deste proxecto, a través do cal o 64% da iluminación público do concello vai ser eficiente enerxeticamente, pero iso vaise ampliar ata o 100% cos proxectos de mellora da iluminación das localidades do Milladoiro e Bertamiráns. Ademais, vanse a poñer en marcha medidas complementarias recollidas no Plan Impulsa Ames como son medidas de control das luminarias: control da intensidade lumínica polas noites cando non hai tráfico, así como outros sistemas de control de enerxía que nos permitirá ser máis eficientes”.

O rexedor municipal tamén destacou que “a elaboración da memoria para presentar este proxecto fíxose nun tempo récord. Orixinalmente estas axudas eran só para Concellos de  menos de 20.000 habitantes, algo que foi modificado polo RD 316/2019 do 26 de abril, no que se amplía a concellos de máis de 20.000 habitantes. Deste xeito, en maio deste ano comezase a traballar na elaboración de dita memoria En xuño atopámonos co atranco de que hai que modificar a auditoría enerxética feita en 2016, polo que se procede a súa modificación, e no mes de xullo xa temos o primeiro borrador. Por último, en agosto lévase a pleno para habilitar o crédito que lle correspondería poñer ao Concello. Son fondos que se van a conceder ata esgotar a contía que se destina a este fin, por iso a urxencia de presentar o antes posible a solicitude”.

Presentación do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural

Multimedia

  • Presentación do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural
  • Imaxe da memoria do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural
  • Imaxe da memoria do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural
  • Imaxe da memoria do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural
  • Imaxe da memoria do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural
  • Imaxe da memoria do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural