Solapas principales

O Concello de Ames presentou a súa programación especial para conmemorar o 8M

Viernes, 01 de marzo de 2024

A Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación das diversas actividades programadas con motivo do Día Internacional da Muller 2024, que se celebra o 8 de marzo. Ao longo das vindeiras semanas terán lugar unha carreira de visibilización dos obstáculos que as mulleres deben superar a diario para toda a familia, unha obra de teatro, un programa dirixido a vítimas de violencia de xénero e mulleres vulnerables e distintos obradoiros de autocoidado, ademais do habitual acto institucional. A programación completa pode consultarse premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames, a través do departamento de Igualdade, presentou esta mañá a programación que se desenvolverá ao longo das vindeiras semanas co gallo do 8M, Día Internacional da Muller. Ao acto asistiron a concelleira de Igualdade, Uxía García; o xerente do ximnasio BJ Trainers & Co e membro do club BJ Training, Borja Collar; e persoal do Centro de Información á Muller (CIM): Mayte Arufe (asesora xurídica) e Mónica Antelo (psicóloga).

A concelleira de Igualdade, Uxía García, explicou que ”esta é un data sinalada en morado no calendario, un día no que o único que importa é a unidade e a fortaleza para construír un mundo máis igualitario”, finaliza a concelleira. Así mesmo, animou á veciñanza a unirse á corporación municipal no acto institucional do  8 de marzo no que se dará lectura do manifesto do 8M e a participar na carreira “Moitos camiños, mesma meta”, que terá lugar ese mesmo día pola tarde.

Esta programación constará, a parte do correspondente acto institucional do día 8 de marzo, dunha carreira de obstáculos para toda familia, unha obra de teatro, un programa dirixido a mulleres vulnerables e obradoiros de autocoidado.

Programa de actividades                                   
O xoves 7 de marzo, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a representación de “As Fillas Bravas de Momán”, ás 12:00 horas. Esta representación teatral dirixida ao alumnado dos IES de Bertamiráns e do Milladoiro correrá a cargo do Grupo Chévere.

As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos. Con esta peza Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero. Nesa liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados. Esta obra tamén é un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego.

Pola súa banda, os centros de primaria do concello farán a “Ruta urbana circular 8M”, un roteiro circular polas zonas verdes de Bertamiráns con saída e chegada ao Pazo da Peregrina. Ten unha versión curta de aproximadamente cinco quilómetros e outra longa que se estende até os 8 quilómetros. En cada unha das zonas verdes pola que discorre a ruta, está instalado un monólito dedicado a unha muller coñecida polas súas accións a prol da igualdade, como Clara Campoamor, Concepción Arenal ou Maruja Mallo, entre outras.

Acto institucional e carreira da muller
O propio Día Internacional da Muller, o 8M, celebrarase o tradicional acto institucional na praza do Concello, en Bertamiráns, ás 11:00 horas. Nel farase a lectura do manifesto institucional e repartirase material promocional.

Ese mesmo día ás 17:30 horas terá lugar a IV edición da carreira “Moitos camiños, mesma meta”, unha cita non competitiva e lúdica na que as persoas participantes percorrerán uns 600 metros e se enfrontarán a 9 obstáculos. O obxectivo é reivindicar, a través das diferentes trabas que se poñen na proba, todos os atrancos aos que as mulleres se ven sometidas no día a día. Ditos obstáculos pódense completar de maneira individual ou con axuda de calquera persoa. As inscricións pódense facer de balde premendo nesta ligazón ou de maneira presencial (nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello no Milladoiro ou en Bertamiráns), ata o mércores 6 de marzo ás 14:00 horas.

Trala carreira haberá sorteo de agasallos grazas á colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), que colabora nesta iniciativa con diversos premios. Cada participante na carreira participará en dito sorteo co número do seu dorsal.

Programa “Mulleres en rede” e charlas de autocoidados femininos
Así mesmo, dentro da programación do 8M, volveuse a poñer en marcha o programa “Mulleres en rede”, unha das actividades de maior peso no programa, xa que está dirixida especialmente a mulleres que se atopan nun estado de vulnerabilidade. Con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estase a desenvolver dende febreiro un curso na Casa da Cultura, e estenderase ata o vindeiro 12 de abril. No obradoiro, profesionais da psicoloxía e do ámbito laboral tratan de empoderar e recuperar a autoestima das mulleres participantes, así como de buscarlles oportunidades laborais.

Por outra banda, ao longo de marzo celebraranse tamén diversos talleres e charlas de autocoidados femininos, tamén financiados polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Así, organízanse tres sesións na Casa dos Maiores: o mércores 6 de marzo, o 13 e o 20, todas elas ás 18:30 horas. Ditos obradoiros versarán sobre temas como os beneficios das augas termais na saúde das mulleres ou o exercicio en mulleres maiores.

Obradoiro dual de emprego Renova VI
Ademais, dentro da programación do obradoiro dual de emprego Renova VI, o venres día 8 de marzo, vanse realizar varias actividade relacionadas coa conmemoración do Día Internacional da Muller. Deste xeito, ás 11.30 horas está previsto que o alumnado de dito obradoiro vexa un vídeo sobre a evolución da muller nos diferentes eidos ao longo da historia. A proxección do vídeo será presentado pola docente de igualdade de xénero, Begoña Corral.

De seguido, ás 11:45 horas, Josefa Lestón Martínez, operadora de maquinaria forestal e de obras, ofrecerá unha testemuña sobre o seu traballo nun sector no que predomina a presenza de homes. Por último, ás 12:15 hora, haberá un debate sobre "Os estereotios antes e agora".

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames visibilizará os obstáculos que as mulleres deben superar a diario cunha carreira o 8M"

Ames Go: "Os actos do 8M inclúen a carreira feminista Moitos camiños, mesma meta"

Lindeiros: "Teatro, deportes e obradoiros para visibilizar o 8M en Ames"

O Concello de Ames presentou a súa programación especial para conmemorar o 8M
Descargas: 

Multimedia

  • O Concello de Ames presentou a súa programación especial para conmemorar o 8M
  • O Concello de Ames presentou a súa programación especial para conmemorar o 8M
  • O Concello de Ames presentou a súa programación especial para conmemorar o 8M