Solapas principales

O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano

Lunes, 15 de diciembre de 2025

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da programación de artes escénicas do Concello de Ames para o primeiro semestre do ano 2026, a cal conta con doce espectáculos de teatro, danza e circo. Todos os espectáculos son de compañías galegas. Este ano como novidade haberá dúas sesións dobres os días 27 e 28 de febreiro, a cargo de Ibuprofeno Teatro, e os días 8 e 9 de maio a cargo do Grupo Chévere. Dende hoxe están dispoñibles os bonos culturais a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. As entradas de cada espectáculo poderán adquirirse a partir do próximo 8 de xaneiro. Pódese consultar a programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2026 na seguinte ligazón. O Concello de Ames conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), para a realización da programación de artes escénicas do primeiro semestre do ano 2026.

O Concello de Ames presentou na Casa da Cultura de Bertamiráns a programación de artes escénicas para o primeiro semestre do vindeiro ano 2026, formada por doce espectáculos de teatro, danza e circo. Durante o acto, estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, e a técnica do departamento de cultura, María Vázquez.

Tamén estiveron presentes na presentación María Angeles Iglesias, do elenco de As Formas do Amor de Verdeveras Expresións Artísticas; Marcos PTT, asistente de dirección de Bio Construcción de Ibuprofeno Teatro; Tone Martínez, do elenco de Berenguela na gaiola, de Galeatro Producións Escénicas; Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María; Noelia Papin, directora e elenco de Sen Lingua de Serea Teatro; Davide González, do elenco de Riazor Ostia de Os Náufragos; Artur Trillo, do elenco  de Artur Ui, O ovo da serpe de Talía Teatro; Xesús Ron, director de ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao) do Grupo Chévere; e José Expósito e Luz García, responsables da compañía e elenco de Variedades Pistacatro.

O orzamento, enmarcado dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames, para a programación de artes escénicas de 2026 ascende a 56.827 euros.

O alcalde, Blas García, tivo palabras de agradecemento para AGADIC e a Consellería da Cultura: “quero agradecer a Jacobo a súa presencia aquí, pero tamén a súa colaboración e a da Consellería de Cultura. Sempre que falo co conselleiro ou con Jacobo obteño unha boa resposta”, declarou. Ademais, destacou “unha das cousas das que máis orgullosos estamos desta programación é que estamos facendo un público fixo. É un traballo que leva tempo, pero estamos creando un público fiel”.

O alcalde rematou a súa intervención poñendo en valor o programa de residencias artísticas para creadores, creadoras e compañías profesionais. “En 2026 teremos tres residencias no Concello. Estarán o Grupo Chévere e Ibuprofeno Teatro preparando os espectáculos que posteriormente van representar aquí en Ames en dobre sesión. Ademais estará a compañía de Fran Sieira, que representará en Ames o seu novo espectáculo no segundo semestre de 2026”.

O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, agradeceu ao Concello de Ames o seu trato ás artes escénicas, afirmando que “Ames, coma sempre, é un concello adiantado ao incluír as dobres sesións na súa programación. É moi importante e reclamado o feito de ter dúas funcións sen ter que montar e desmontar con todo o problema que iso supón. O compromiso do Concello de Ames vai sempre na liña de seguir mellorando a súa programación”. Ademais, fixo un chamamento para invitar “aos veciños e veciñas de Ames e arredores a que veñan a desfrutar desta magnífica programación”. Por último afirmou que dende AGADIC “pecharemos o ano con 560 funcións e un orzamento próximo aos 2 millóns de euros”.

Durante o acto, a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, declarou que “a programación está feita para todos os públicos con moito mimo e coidado”, facendo fincapé e poñendo en valor a aposta un ano máis polas “compañías 100% galegas e algunha delas afincada en Ames”. Unha programación que, ademais, vai cumprir unha das principais demandas do público nas últimas edicións: “Este ano por primeira vez imos facer dobres funcións coas obras Bio Construción e ICTUS”, adiantou María Vázquez.

Programación do primeiro semestre de 2026
A obra “As Gardiás” será a que inaugure o programa de artes escénicas o próximo 23 de xaneiro. Representada pola compañía Teatro de Ningures, a función invita a reflexionar sobre o dereito a decidir como xestionar a nosa propia vellez a través da protagonista, Rosa.

A seguinte semana, o día 30 de xaneiro, será a quenda de “As formas do amor”, unha representación teatral de Verdeveras Expresións Artísticas. O amor, o tempo e as emocións marcan o argumento desta obra que achega unha reflexión sobre o concepto de amor.  

Cambiando de terzo argumentativo, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o 8 de febreiro a obra “Iribarne”, de Butacazero, unha sátira reivindicativa para o público adulto sobre o transcurso vital do político galego Manuel Fraga Iribarne.

O Ames Cultural 2026 tamén terá oco para as estreas. Así, a coñecida compañía Ibuprofeno Teatro presentará no Milladoiro o seu novo traballo “Bio Construción” os días 27 e 28 de febreiro. Unha peza que invita a reflexionar sobre o fracaso, a inxustiza do sistema inmobiliario, a crise climática ou o amor.

Xa en marzo, o día 6 Galeteatro Producións Escénicas presenta “Berenguela na gaiola”, unha representación para os máis cativos. Berenguela na gaiola é unha divertida e emotiva proposta na que unha anciá aloxada nunha residencia da terceira idade (Berenguela) quere volver á súa casa na aldea, na que sempre viviu e onde é feliz. 

Cunha temática totalmente distinta, Serea Teatro achega o seu traballo “Sen Lingua” o 6 de marzo no Milladoiro. Na expectante sala dunha coach emocional, un matrimonio enfronta un desequilibro doloroso, unha danza desigual na que a presenza de Amador (o marido), fai invisible á súa parella Amanda.  

O teatro contemporáneo tamén ten cabida na programación coa representación, o 13 de marzo, de “Riazor Ostia”, de Os Náufragos. Un poema escénico sobre o odio, a intolerancia e a resistencia cincuenta anos despois do asasinato de Pier Paolo Pasolini que conecta o mar de Ostia, en Italia, co de Riazor.

Para rematar marzo, o día 27, na conmemoración do Día Mundial do Teatro, a compañía Artika Cia trae para o público infantil “O libro da selva: o musical”, unha adaptación contemporánea e familiar do clásico de Kipling con música orixinal en galego, que convida a reflexionar sobre a amizade, a identidade, a convivencia e o respecto á natureza. 

O mes de abril comeza cun espectáculo de danza. O día 13, o Colectivo Glovo trae ao Milladoiro o espectáculo “Alén”, creado por Hugo Pires Pereira e Esther Latorre, inspirado nas raíces e na forza da natureza galega. A través do movemento, a representación toca os ciclos da vida, a unión, o cambio e o renacer. 

De volta ao teatro, o 17 de abril será a quenda da obra “Artur UI, o ovo da serpe”, de Talía Teatro. Esta función representa unha decidida aposta por conectar a vixencia do teatro épico de Bertolt Brecht coa realidade contemporánea e explorar os mecanismos do poder, o autoritarismo e as súas manifestacións ao longo da historia. 

O circo tamén é outra das apostas para esta programación de artes escénicas do primeiro semestre do 2026. O 24 de abril, a compañía Pistacatro productora de soños aparca no Milladoiro para achegar “Variedades Pistacatro”, un cabaret que propón unha viaxe pola historia do circo a través dun espectáculo no que os números de circo tamén se presentan como unha dramaturxia que reivindica o circo tradicional e a súa evolución ata os nosos días. 

O grupo de teatro Chévere será o encargado de pechar o cartel do primeiro semestre co seu novo traballo “ICTUS (anatomía de A derradeira leición de Castelao)”, os días 8 e 9 de maio. Esta obra é un repaso sobre a relación entre a memoria, a democracia e os traumas sen resolver da nosa memoria histórica a través do cadro de Castelao “A derradeira leición do mestre”.

Horarios e venda de entradas 
Os espectáculos dirixidos ao público adulto serán sempre ás 20.30 horas, excepto a obra “Iribarne”, que se representará ás 18.00 horas. As funcións dirixidas ao público infantil comezarán ás 18.00 horas.

As entradas poderán adquirirse a partir do xoves 8 de xaneiro mediante a páxina web da Billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (no caso de haber entradas dispoñibles) e ata cinco minutos antes da función.

Co obxectivo de facilitar a asistencia e potenciar a participación, os estudantes con carne, as persoas maiores de 60 anos e menores de 12, familia numerosas, posuidores do carné xove e persoas demandantes de emprego terán unha redución do 50% sobre o prezo orixinal da entrada. 

Así mesmo, ao igual que en edicións pasadas, xa están dispoñibles os bonos culturais para gozar das representacións de artes escénicas de Ames, unha iniciativa que tivo moi boa acollida desde a súa implantación. Terán un custo de 25 euros cada un, o que representa un desconto da metade do importe total das entradas para asistir ás dez pezas da programación de adultos. Poderanse adquirir entre o 15 de decembro de 2025 e o 7 de xaneiro de 2026. En total, poñeranse á venda 50 bonos, mesma cantidade ofertada que o ano pasado. 

Non se admitirán cambios nin devolucións nin das entradas nin dos abonos adquiridos. A venda pechará cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo, e unha vez comezadas ás representacións ninguén poderá acceder á sala.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Doce espectáculos de teatro, danza y circo para comenzar el año en Ames"

La Voz de Galicia: "Doce compañías galegas amosarán ata xuño os seus espectáculos en Ames"

Xornal de Compostela: "Ames presenta a programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2026 con doce espectáculos de compañías galegas"

Lindeiros: "Ames presenta a programación Cultural do primeiro semestre do 2026"

O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano
  • O Concello de Ames presenta a programación do Ames Cultural 2026 para o primeiro semestre do ano