Solapas principales

O Concello de Ames presenta o programa pedagóxico de danza para mulleres “Bailando a vida”

Viernes, 03 de febrero de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Promoción da saúde, presentou esta mañá o proxecto artístico-pedagóxico “Bailando a vida”, un programa integrador que busca achegar a danza ás mulleres dunha maneira creativa. Deste xeito, preténdese mergullalas na aventura de crear un corpo e mente flexibles, creando confianza, autoestima e mellorando a súa saúde física e emocional. A actividade desenvolverase entre o 8 de febreiro e o 28 de abril, e as mulleres interesadas en participar deben inscribirse ata o vindeiro martes, 7 de febreiro, enviando un correo ao enderezo electrónico bailandoavida@gmail.com no que se indique nome, apelidos e un número de teléfono de contacto.

“Bailando a vida” pretende ser un laboratorio de corpo, movemento e creación, no que se respecten os ritmos de cada participante. Nun contexto de demanda crecente de espazos de benestar, fanse cada vez máis latentes e necesarias iniciativas que busquen entender e coñecer as alternativas de expresión, conexión co corpo, movemento e autocoidados. Co foco posto nas mulleres, a Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde de Ames pon en marcha este novo programa, de maneira que as mulleres conten cun espazo seguro no que se coide a súa saúde física e mental.

O laboratorio dará comezo a partir do día 8 de febreiro, e desenvolverase ata o 28 de abril, nos dous núcleos urbanos de Ames. No Milladoiro terá lugar os mércores, de 11:30 a 13:00 horas, e daráselle prioridade a aquelas mulleres que xa participen habitualmente das actividades do AmesSán, o programa do servizo de Voluntariado para persoas maiores. Por outra banda, para o público xeral ofrécese a quenda dos venres, entre as 17:00 e as 18:30 horas. Todas as mulleres que estean interesadas en participar deben escribir un correo ao enderezo electrónico bailandoavida@gmail.com no que se indique nome, apelidos e un número de teléfono de contacto.

Con este programa preténdese crear un espazo no que as habilidades e limitacións de todas as persoas poidan atoparse e compartirse, sempre de forma respectuosa e creativa, e a través do movemento. Así, fomentarase tamén o “cultivo dunha mirada diferente” cara a unha mesma e cara os demais.

Por outra banda, tamén se persegue o obxectivo de que se dean a coñecer diversos colectivos, de maneira que se involucren e sensibilicen asociacións, institucións e cidadáns en xeral cun mesmo fin: coñecer e compartir a diversidade social.

Para finalizar, búscase consolidar a danza como unha vía de benestar, como recurso para o equilibrio psicoemotivo, como ferramenta educativa e como elemento de integración, partindo de non só serve como entretemento ou oferta cultural.

Para desenvolver o obradoiro empregarase a danza no sentido máis amplo da palabra, usando distintas técnicas (contemporánea, contact, danza teatro e danzas étnicas), así como a narración oral. Para facilitar a conexión corporal e emocional que nutre o movemento e a creación colectiva, o taller apoiarase no Método Corpo e no sistema Río Aberto, así como no movemento vital expresivo e a terapia Gestalt.

“Bailando a vida” busca que as participantes traballen co corpo como principal ferramenta, tomando conciencia do contido emocional que se expresa en cada movemento e postura. Deste xeito, en cada encontro traballarase de maneira integral, abrindo novas vías de aprendizaxe e incluíndo a voz e a escritura.

Acto de presentación do programa
Ao acto de presentación do programa, que se celebrou no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, asistiron a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo; a creativa do proxecto e responsable do Centro Gaira, Martha Franco; a directora do Centro de Información á Muller, Maite Arufe; a psicóloga do CIM, Mónica Antelo; a técnica do departamento municipal de Promoción da Saúde, Rosana Martínez; e Soraya Añón, do servizo de Voluntariado.

A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, sinalou que “imos traballar cun grupo de mulleres moi diverso a través da danza, pero non como a coñecemos. Isto vai ser un laboratorio de movemento onde se respectarán os ritmos de cada participante. Queremos que sexa un programa integrador e inclusivo, para chegar a un momento de autocoidado no que nos poidamos expresar e nos sintamos libres de crear, de movernos e de vivir”.

Pola súa banda, a creadora do proxecto e profesora do obradoiro, Martha Franco, sinalou que “este é un proxecto que nace dunha necesidade persoal de dar visibilidade ao sentido sanador da danza. Falamos moito da importancia de coidar o corpo, facer exercicio e estar en contacto coas nosas emocións, e a danza é de sempre un lugar para aprender, expresar e continuar con riquezas ancestrais. Este vai ser un espazo serio no que a xente vai poder achegarse con confianza e responsabilidade”.

Así mesmo, Franco adiantou que “o día 28 queremos que haxa unha mostra na que se inclúan distintos colectivos, un espazo ao que as persoas se poidan achegar a ver danza. O 29 de abril, Día Internacional da Danza, teremos uns talleres para aquelas persoas que non puideron gozar dos laboratorios”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "'Bailando á vida', nuevo programa de Ames de Benestar para mujeres"

El Correo Gallego: "Bailando á vida activará a mente e o corpo das amesás"

Presentación do novo programa do departamento de Benestar Social, Bailando a vida

Multimedia

  • O Concello de Ames presenta o programa pedagóxico de danza para mulleres “Bailando a vida”
  • O Concello de Ames presenta o programa pedagóxico de danza para mulleres “Bailando a vida”
  • O Concello de Ames presenta o programa pedagóxico de danza para mulleres “Bailando a vida”