Solapas principales

O Concello de Ames presenta o novo contrato de mantemento de zonas verdes e axardinadas do municipio

Jueves, 30 de noviembre de 2023

O Concello de Ames presentou esta mañá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o novo contrato de mantemento de zonas verdes e axardinadas   do municipio. A adxudicación deste contrato foi aprobada pola Xunta de Goberno Local o pasado 20 de xullo por un importe de 1.531.860 euros (IVE incluído). O contrato está dirixido a centro especiais de emprego de iniciativa social e ten unha duración de catro anos. A prestación do servizo iniciouse o 1 de setembro deste tempo. O contrato ten unha duración de catro anos, sen posibilidade de prórrogas.

O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación do novo contrato de mantemento de zonas verdes e axardinadas do concello de Ames. No acto estiveron presentes o alcalde, Blas García; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto; o presidente de Cegasal, Herminio Martínez; o vicepresidente de Cogami, Ramón Sestayo; o conselleiro delegado de Galega de Economía Social, Víctor Silva; e o xefe do servizo e xerente de Dixardin, Carlos Iglesias.

Durante a presentación, os representantes das distintas entidades involucradas agradeceron ao Concello de Ames a súa aposta pola contratación reservada a favor de centros especiais de emprego e pola inclusión laboral. Neste sentido, o conselleiro delegado de Galega de Economía Social, Víctor Silva, destacou “a  proactividade do Concello de Ames de cara a brindar oportunidades de emprego a persoas con discapacidade xa ven de vello, incluso antes de que fora obrigatorio por lei”.

Segundo dixo Silva esta adxudicación, que constitúe o contrato reservado de xardinería máis amplo de Galicia, non só supón unha renovación desta proactividade, senón é unha forma de reforzala. A este respecto, o alcalde Blas García adiantou que non vai ser o único contrato deste tipo que se vai sacar desde a corporación municipal.

Ademais, o rexedor municipal engadiu que “na inclusión laboral hai que crer, non é algo que se poida lanzar con discursos bonitos se despois non se aplica á realidade. O Concello de Ames leva moito tempo apostando pola inclusión laboral. Empezouse na época de Carlos Fernández como alcalde, mantívose con Santiago Amor e con Jose Miñones e agora nós seguimos facéndoo. Dixardin xa viña traballando tanto no Pazo da Peregrina como no paseo fluvial, que son as dúas grandes áreas verdes que temos en Bertamiráns, pero agora damos un salto de calidade.  Desde que entramos no Concello no 2015 sempre tivemos unha política de apoiar e apostar polas empresas que están no Concello, e Dixardin por sorte tamén é unha empresa que está situada aquí”.

Por último, o presidente de Cegasal, Herminio Martínez, defendeu que contratos como este teñen que servir “como un espello de cara a outros concellos e outras institucións públicas de que se pode facer economía non só empresarial senón tamén esa economía social que tanto defendemos”. Este mesmo mes Cegasal premiaba ao Concello de Ames pola súa longa traxectoria apostando pola economía social e os centros especiais de emprego de iniciativa social.

O contrato
O pasado mes de xullo a Xunta de Goberno Local adxudicou o contrato de mantemento de zonas verdes á empresa Coregal Parques e Xardíns SL, por un importe de 1.531.860 euros (IVE incluído). Este contrato está dirixido a centro especiais de emprego de iniciativa social e ten unha duración de catro anos. A prestación do servizo iniciouse o 1 de setembro deste tempo. O contrato ten unha duración de catro anos, sen posibilidade de prórrogas.

O prezo anual do contrato ascende a 382.965 euros, unha contía que se aboará en cinco exercicios diferentes: 2023, 2024, 2025, 2026 e 2027, respectivamente. En 2023 aboarase a parte proporcional aos meses de setembro a decembro, que ascende a 127.665 euros. O mesmo acontece coa anualidade de 2027, que se corresponde cos meses de xaneiro a agosto e ascende a 255.310 euros. Nos exercicios 2024, 2025 e 2026 a contía anual é de 382.965 euros.

Traballos a realizar e persoal
O contrato inclúe a contratación de oito persoas, tal e como indicou esta mañá Chus Lago, técnica agrícola da empresa Dixardin: “Temos un equipo de 6 persoas, cun xefe de servizo, un encargado, tres xardineiro e tres peóns”.

Tamén se falou dos traballos que se van realizar, que consistirán principalmente en sega, coidado e mantemento das zonas verdes, limpeza de follas e substitución da vexetación existente por plantas de tempada. Chus Lago tamén explicou que os traballos non serán sempre os mesmo pois “cambian dependendo da época do ano”. O alcalde de Ames Blas García, explicou que o que se persegue con este contrato é “que o concello luza no seu esplendor e que os veciños se sintan orgullosos del”. Ata o de agora, este traballo facíao a Brigada Municipal de Obras, pero coas limitacións de contratación non podía facelo correctamente, polo que con este contrato mellorará significativamente o mantemento das zonas verdes.

Entre as zonas de actuación destacan a área de Tapia, a contorna das piscinas e da Casa da Cultura do Milladoiro, a área de estacionamento de autocaravanas, a praza de Manuel Murguía, a da Madalena, a de Correos, o polígono do Milladoiro ou o campo fútbol. En Bertamiráns entre os elementos a conservar están a contorna da piscina da Telleira, o parque do Ameneiral, a praza de Chavián, a Casa da Cultura, a praza do Concello ou o Pazo da Peregrina.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El contrato amiense de jardinería adjudicado a un centro especial es el más amplio de Galicia"

Enfoques: "Ames presenta su nuevo contrato de mantenimiento de zonas verdes"

O Concello de Ames presenta o novo contrato de mantemento de zonas verdes e axardinadas do municipio