- Tematica
O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza este sábado 11 de abril, ás 12.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, un acto para presentar o libro antolóxico do XXII Certame Literario. Ao dito acto acudirán os gañadores e gañadores do certame literario de 2025, estará conducido pola xornalista amesá Paula Cantelar e amenizado polo dúo musical Xeitodeodus.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este sábado 11 de abril, ás 12.30 horas, a presentación do libro antolóxico que recolle os 18 textos gañadores do XXII Certame Literario, celebrado o pasado ano 2025. A presentación estará conducida pola xornalista de Ames Paula Cantelar e contará coa actuación musical do dúo Xeitodedous, formado por Xián Ardións e Xiana Baliñas. Trátase dunha presentación aberta a todo o público que queira asistir e, ademais, todas as persoas asistentes que así o desexen poderán levar de agasallo un exemplar do volume editado.
Á presentación están convidadas todas as persoas premiadas no pasado certame nas categorías de narrativa e poesía. Durante a presentación coñecermos os textos gañadores na voz dos propios autores e autoras.
Premiados no XXII Certame Literario
Os traballos premiados proceden dun total de 11 concellos de diferentes. Entre a listaxe de obras gañadoras, atópanse textos procedentes de Ames, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Nigrán, Touro, Oroso, Bueu, Allariz, Lugo e Porto do Son. No concello amesán quedaron cinco dos galardóns: o primeiro premio da primeira categoría na modalidade de narrativa, todos os premios da segunda categoría da modalidade de narrativa e o terceiro premio da segunda categoría na modalidade de poesía.
Xeitodedous
Xeitodedous é un dúo musical formado por Xiana Baliñas, á viola, e Xián Ardións, ao piano. Concretamente Xián é veciño de Ames e exalumno da escola de música de Ames. Ambos contan cunha ampla formación musical e como grupo destacan por ter amplo repertorio que vai dende o máis clásico ata o popular urbano ou o folk.
Aberto ata o 30 de abril o prazo para participar no XXIII Certame literario Concello de Ames
Continúa aberto o prazo de participación na actual edición do certame de Ames ata o xoves 30 de abril. A este concurso literario pode concorrer calquera persoa que presente textos inéditos de temática libre escritos en lingua galega acordes coas bases do certame. A convocatoria conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada modalidade establécense tres categorías, segundo a idade das persoas participantes.
Pode descargarse o resumo das bases e a ficha de participación picando nos seguintes enlaces.





