Solapas principales

O Concello de Ames participou este mércores no curso sobre comedores escolares ecolóxicos organizado pola Universidade de Vigo

Viernes, 05 de julio de 2019

O concelleiro de Educación de Ames, David Santomil, participou este mércores no curso ‘Comedores escolares ecolóxicos: avanzando cara a unha economía circular nas Reservas de Biosfera’ como relator. Durante o seu faladoiro, o concelleiro presentou algúns datos recollidos no Plan Económico e Financeiro da Rede Municipal de Comedores Escolares de Ames, realizado en colaboración coa Universidade de Vigo. Así, a charla xirou en torno a cuestións como o grao nutricional dos menús, a procedencia dos alimentos, proveedores ou os gastos do servizo. O curso, impartido en Allariz do 1 ao 5 de xullo, está organizado pola Universidade de Vigo baixo a dirección de Xavier Simón Fernández, do Grupo de investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da universidade.

A Universidade de Vigo organizou esta semana en Allariz o curso de extensión universitaria ‘Comedores escolares ecolóxicos: avanzando cara a unha economía circular nas Reservas de Biosfera’. Os obxectivos desta formación, composta por dezasete charlas, foron os de visibilizar os impactos da compra de alimentos de proximidade nas economías locais, comparar a pegada de carbono entre os modelos alimentarios convencionais e os ecolóxicos, e coñecer as claves do funcionamento dos ecocomedores escolares, baseados nunha alimentación equilibrada e sostible apoiada no  produto local e de tempada.

Para elo, o Grupo de investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo buscou identificar os requisitos das empresas produtoras para vender nos comedores ecolóxicos, coñecer novas tendencias en modelos nutricionais para os comedores escolares e identificar as claves para iniciar un proxecto de ecocomedores, a través dunha serie de faladoiros impartidos por distintos/as coordinadores, técnicos e xerentes de diversos ecocomedores, tanto a nivel autonómico como nacional.

Ao abeiro deste programa, o concelleiro de Educación de Ames, David Santomil, ofreceu o mércores, 3 de xullo, unha charla baixo o título ‘Rede de comedores escolares de Ames: máis alá do comedor’. Durante o faladoiro, Santomil expuxo algúns dos puntos máis salientables, referidos tanto a un nivel técnico como de calidade deste servizo, extraídos do Plan Económico e Financeiro da Rede Municipal de Comedores Escolares de Ames, no que se realiza unha investigación en profundidade da situación dos comedores escolares amesás, ademais dun plan de viabilidade de cara aos próximos cinco e dez anos anos.

Así, durante dúas horas, os participantes achegáronse tanto a cuestións técnicas deste servizo amesá, como foron os datos referentes aos gastos de persoal e mantemento, ao servizo de monitoras/es que supervisan os comedores escolares de Ames ou datos de proveedores; como a aspectos que máis repercuten de forma máis directa nos usuarios finais, como é a calidade dos alimentos, a  procedencia dos mesmos ou o trato cos proveedores, todo elo marcado pola busca dun desenvolvemento endóxeno e local.

O concelleiro de Educación e Cultura destaca que “Ames segue a ser un referente no ámbito da xestión dos comedores escolares e no crecemento sostible. As novas iniciativas ligadas ao composteiro comunitario, a incorporación das escolas unitarias á Rede e ao desenvolvemento local poñen de manifesto que estamos no camiño correcto, mantendo a calidade do servizo e o proxecto pedagóxico. Asemade, dende o ano 2015 incrementáronse 350 prazas de comedor, e coa construcción do novo comedor no CEIP A Maía agardamos atender as necesidades de conciliación de cara ao próximo curso escolar".

A Rede Municipal de Comedores Escolares de Ames como ecocomedor

Un dos principais puntos tratados durante a conferencia sobre a Rede de Comedores de Ames foi o da nutrición. Segundo datos recollidos no Plan Económico e Financeiro, os grupos de alimentos máis consumidos no servizo de comedores de Ames durante o 2018 foron as verduras, cun consumo total de máis de 35 toneladas; a froita, con 19 toneladas de consumo; a carne, alcanzando as 10tm; os cereais, dos que se consumiron máis de 9 toneladas; e o peixe, con 7tm consumidas. Así mesmo, consumíronse tamén 4,66 toneladas de ovos; 4,57tm de produtos lácteos e 1,70tm de legumes. Sen embargo, o produto máis utilizado foi a auga, con 40,6 toneladas.

Faladoiro de David Santomil no curso sobre comedores escolares ecolóxicos

Multimedia

  • Cartel do curso sobre comedores escolares ecolóxicos da Universidade de Vigo