Solapas principales

O Concello de Ames participará no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Jueves, 07 de noviembre de 2019

O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade terá lugar o próximo día 12 e 13 de novembro na Escola Galega de Administración Pública en Santiago de Compostela. Contará con representación do Concello de Ames, xunto con outros concellos e deputacións pertencentes ao Fondo Galego de Cooperación. A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijoo, será a encargada de pechar as xornadas o mércores.

A xornada, que se desenvolverá en dous días consecutivos, tratará de sentar as bases entre o municipalismo dos países lusófonos para unha futura cooperación máis frutífera, baseándose para iso nos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible. Contará coa presenza de delegacións de Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, Mozambique, Santo Tomé e Príncipe, Brasil e Portugal, así como representantes da Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa. O evento será de suma importancia para o municipalismo galego, xa que pretende situar a Galicia no centro das relacións da cooperación entre as entidades locais dos países de lingua oficial portuguesa, a través do lanzamento da Rede de autoridades locais da lusofonía polos ODS.

O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía abrirase ás 10 horas cun discurso da alcaldesa de Boane, María Cupane, como voceira da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas. O primeiro debate da xornada xirará arredor da implementación dos ODS no eido local e contará con membros das asociacións de municipios de distintos países, entre eles o que fora ministro brasileiro Edinho Silva.

A segunda xornada do encontro dará a coñecer a partir das 9.30 horas as experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa, coa intervención entre outras de entidades como a Coordinadora Galega de ONGD, CETMAR, CEIDA ou Cooperación Galega. Na seguinte sesión as alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona exemplificaranse con casos actuais coma os do Concello de Ames, a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa ou a Rede Intermunicipal de Cooperação ao Desenvolvimento, de Portugal. O encontro pecharase cos primeiros pasos para a creación dunha Rede de autoridades locais da Lusofonía polos ODS e coa declaración 'Solidariedade alén da lingua'.

Cabe engadir que o Concello de Ames forma parte da Comisión Executiva do Fondo e colaborou co municipio caboverdiano de Tarrafal cun programa de cooperación internacional a través dun convenio asinado entre ambos Concellos. Así, o técnico municipal de Deportes estivo 15 días no municipio caboverdiano para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano cun carácter social e con perspectiva de xénero.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
O Fondo Galego, unha asociación sen ánimo de lucro composta actualmente por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, ten por obxectivo establecer lazos de cooperación e solidariedade cos pobos do Sur a través de actividades de sensibilización en Galicia e proxectos de cooperación ao desenvolvemento no Sur.

Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

Multimedia

  • Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía
  • Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía