Solapas principales

O Concello de Ames organiza unha andaina saudable polo último tramo do Camiño Portugués para o venres 6 de setembro

Jueves, 29 de agosto de 2019

As Concellarías de Sanidade e Turismo do Concello de Ames organizan o vindeiro venres, 6 de setembro, unha andaina saudable polo último tramo do Camiño Portugués. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse antes das 14.00 horas do xoves 5 de setembro enviando un correo electrónico ao enderezo servizos_sociaisberta@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 981 890 964. Para participar nesta actividade que é de balde ofértanse 50 prazas.

O Concello de Ames organiza para o venres, 6 de setembro, pola tarde, unha nova andaina saudable. Nesta ocasión será polo último tramo do Camiño Portugués. Saírase ás 18.00h dende a Casa da Cultura do Milladoiro. A chegada está prevista arredor das 19.30 á praza do Obradoiro. Haberá servizo gratuíto de autobús. Ás 17.30h achegará ás persoas que o desexen dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ata o punto de inicio da andaina, no Milladoiro. Ao remate da ruta, arredor das 20.45h traerá de volta aos participantes, pasando polo Milladoiro e por Bertamiráns.

Durante a ruta, que terá unha duración aproximada de hora e media, unha guía acompañará aos/ás participantes. Unha vez rematada a andaina, de 20.00 a 20.30 horas, está previsto que haxa unha actividade de mindfulness con Biodanza na praza do Obradoiro. Esta actividade que é de balde está dirixida a persoas de 12 anos en diante.

O Camiño Portugués, tras pasar polo Pazo do Faramello, Rúa de Francos e As Galanas, no concello de Teo, atravesa logo a parroquia amesá de Santa María de Biduído. Despois de discorrer por unha zona montesía, sobarda o alto da Grela e descende cara O Milladoiro. A última milla do Camiño Portugués discorre pola rúa do Porto, o monte de Agro dos Monteiros, desde onde se ven as torres da Catedral e baixa cara á Rocha Vella en terras de Compostela.

Programa SaúdeAndo
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa SaúdeAndo, a través do cal tamén se organizaron as andainas polo Rego da Andoriña en maio e pola ruta do Tambre no mes de xullo, así como as rutas urbanas con saída e chegada dende os centros de saúde de Bertamiráns e O Milladoiro que se desenvolven de marzo a decembro. O obxectivo desta actividade é animar ás e aos amesás a practicar actividade física de forma amena e divertida.

Para participar nesta actividade é necesario inscribirse antes das 14.00 horas do xoves 5 de setembro enviando un correo electrónico ao enderezo servizos_sociaisberta@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 981 890 964. Para participar nesta actividade ofértanse 50 prazas.

Cartel da andaina saudable polo último tramo do Camiño Portugués

Multimedia

  • Cartel da andaina saudable polo último tramo do Camiño Portugués