[11-06-2013] A concellaría de Educación e Xuventude pon en marcha un curso intensivo de verán que ten o obxectivo de preparar ao alumnado para a obtención do graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Este curso impartirase en Bertamiráns e no Milladoiro entre o 17 de xuño e o 11 de setembro. Ofértanse un total de 30 prazas. Haberá un grupo de 15 usuarios/as en Bertamiráns e outro grupo de 15 usuarios/as no Milladoiro. As inscricións poderán realizarse ata o 21 xuño no departamento de Educación, que está situado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Esta actividade, que está subvencionada pola Xunta de Galicia, está dirixida a persoas maiores de 18 anos. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para poder matricularte neste curso.
O Concello de Ames, a través da concellaría de Educación e Xuventude, organizou para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro un curso intensivo de verán co obxectivo de que as persoas maiores de 18 anos, que estean interesadas, poidan presentarse ao exame libre (convocatoria de setembro) para a obtención do graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), que se realizará o vindeiro 12 de setembro.
O curso intensivo de verán desenvolverase entre o 17 de xuño e o 11 de setembro. Haberá dous grupos: un en Bertamiráns e outro no Milladoiro. Ofértanse 15 prazas para cada un dos grupos. En Bertamiráns, as clases impartiranse no Pazo da Peregrina, os luns e mércores, de 9:00 a 12:00 horas, mentres que no Milladoiro as clases realizaranse na Casa da Cultura, os martes e xoves, no mesmo horario, de 9:00 a 12:00 horas.
Nestas clases impartiranse tres ámbitos: Comunicación (galego, castelán, terceiro idioma), Sociedade e Científico-tecnolóxico. A través destas clases os participantes prepararán o exame libre da convocatoria de setembro, para a obtención do graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), que se realizará o 12 de setembro.
As inscricións poderán realizarse ata o 21 xuño no departamento de Educación, que está situado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Para máis información poden chamar ao número de teléfono 981 891 476.
Programa de redución do abandono escolar
Este curso enmárcase dentro do programa de redución do abandono escolar nos concellos de Galicia para este ano 2013. Este programa está subvencionado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Durante o curso 2012-2013 o Concello de Ames desenvolveu dous servizos a través do programa de redución do abandono escolar. Un deles foi o servizo de reforzo educativo dirixido aos rapaces e as rapazas de Ames. Por outra banda, desenvolveuse o servizo da Escola Municipal de Adultos.