Solapas principales

O Concello de Ames oferta unha ampla programación deportiva para os meses de verán

Miércoles, 13 de junio de 2018

[13-06-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, acaba de publicar a programación trimestral deportiva que se desenvolverá entre os meses de xuño e setembro. A programación inclúe a celebración de actividades tais como campionatos, campus, campamentos, xornadas e carreiras. Con dita programación, na que participan activamente diferentes clubs e entidades deportivas de Ames, o goberno municipal mostra a súa aposta polo práctica deportiva.

O vindeiro sábado, 16 de xuño, a praia fluvial de Tapia acollerá a xornada de portas abertas “Achégate ao Piragüismo”. Organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, a xornada desenvolverase entre as 11:00h e as 13:30 horas. Posteriormente, o sábado 23 de xuño terá lugar a II Carreira – Andaina da Familia. Esta iniciativa benéfica desenvolverase a partir das 16:30 horas no aparcadoiro da Travesía do Porto no Milladoiro. Os fondos recadados coas inscricións, que terán un prezo de 5 euros por persoa, serán doados á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).

Ademais, entre o luns 25 e o venres 29 de xuño, realizaranse dous campos de fútbol. Por unha banda, celebrarase o VII Campus de Fútbol Bertamiráns FC, que terá lugar no campo de fútbol municipal desta localidade. Pola outra, o V Campus Fundación Celta de Vigo realizarase no Milladoiro. As persoas interesadas en obter máis información sobre estas iniciativas deportivas poderán consultar, respectivamente, as páxinas web www.bertamiransfc.com e www.fundacioncelta.com.

A programación para xullo
As primeiras semanas de xullo estarán marcadas pola elevada actividade deportiva coa programación de diferentes actividades. Entre o luns 2 e o venres 13 de xullo, desenvolverase o II Campus de Verán Básquet Ames na área deportiva do Milladoiro. Toda a información sobre este Campus está dispoñible na páxina web www.basquetames.blogspot.com. Alén diso, nas mesmas datas, na área deportiva de Bertamiráns, tamén se realizará o III Campus de Verán Meigas e Trasgos. Neste caso, a información relativa ás actividades, aos horarios e ás inscricións pódese atopar na dirección web www.fcmeigas.com.

Así mesmo, ao longo de todo o mes, entre o luns 2 e o martes 31 de xullo, as patinadoras e patinadores do noso concello poderán encher o seu tempo de lecer participando no II Campamento de Verán de Patinaxe. Dita iniciativa desenvolverase no IES do Milladoiro, en horario de 08:30h a 14:30 horas. Na páxina web www.cpaomega.es pódese atopar toda a información sobre o Campus.

O XII Día da Bici tamén se conmemorará no mes de xullo, nomeadamente o sábado 7. As actividades comezarán a partir das 11:00 horas, nas inmediacións do centro deportivo A Telleira, en Bertamiráns. Durante a semana seguinte, entre o luns 9 e o venres 13, realizarase o III Dépor Campus Bertamiráns’18 no campo de fútbol municipal desta localidade. Pódese atopar toda a información no enlace www.deporcampus.rcdeportivo.es.

A programación deportiva de xullo pecharase coa participación de 10 mozas e mozos amesáns, de entre 9 e 14 anos, nos Campamentos Deportivos que anualmente organiza a Deputación da Coruña. Dito Campamento realizarase entre o domingo 15 e o venres 20 de xullo. As inscricións pódense realizar no Rexistro Municipal ata o 15 de xuño.

A programación para agosto e setembro
No mes de agosto, o domingo 11, terá lugar o Descenso do Tambre. Organizada novamente polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, a actividade realizarase na praia fluvial de Tapia. Xa no mes de setembro, o domingo 16, celebrarase o Día do Deporte, cunha ampla programación que se dará a coñecer proximamente. Dita iniciativa decorrerá na área deportiva do Milladoiro, entre as 11:00h e as 14:00 horas e entre as 16:00h e as 19:00 horas.

Actualmente, ademais, xa se coñece un pequeno adianto da programación deportiva de outono: o domingo, 21 de outubro, terá lugar XIX Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. A Carreira partirá ás 10:30 horas da Praza do Concello de Bertamiráns.

Cursos de natación
O curso de natación contará con dúas quendas: unha en xullo e outra en agosto. As nenas e nenos maiores de 10 anos asistirán ao curso ás 11:15 horas, mentres que aquelas e aqueles que teñan entre 8 e 9 participarán ás 12:00 horas. Ás 12:45 horas aprenderán a nadar as crianzas de entre 7 e 6 anos. Por último, as máis pequenas e pequenos, as nenas e nenos de entre 3 e 5 anos, irán ás 13:30 horas. Os cursos realizaranse nas piscinas descubertas municipais.

O prazo para a realización das inscricións no curso de xullo permanecerá aberto entre o 11 e o 22 de xuño. As inscricións para a quenda de agosto deberán facerse entre o 9 e o 20 de xullo. Os cursos terán un prezo de 20 euros por persoa. As segundas irmás ou irmáns dunha mesma familia inscritos deberán aboar 10 euros, mentres que os terceiros membros terán que pagar unicamente 5 euros. Á hora de realizar as inscricións deberase entregar a solicitude de praza debidamente cuberta, unha fotocopia da tarxeta sanitaria e a autoliquidación selada polo banco. As inscricións poderán tramitarse tanto na Casa da Cultura do Milladoiro como na Oficina de Deportes de Bertamiráns (Casa do Concello) en horario de 09:00h a 14:00 horas.

Cursos de iniciación ao piragüismo
Entre o 26 de xuño e o 18 de agosto terá lugar o curso de iniciación ao piragüismo. As rapazas e rapaces de entre 8 e 14 anos asistirán ao curso entre as 16:30h e as 17:30 horas, os luns, os mércores e os venres. As crianzas de 7 anos só asistirán ao curso un día á semana, os mércores, ás 17:30 horas. A actividade, que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia, terá un prezo de 30 euros. As inscricións, neste caso, tamén se poderán formalizar tanto na Casa do Concello en Bertamiráns como na Casa da Cultura do Milladoiro, entre as 09:00h e as 14:00 horas. Para participar neste curso será imprescindible saber nadar.

Renovación e inscrición nas Escolas Deportivas municipais
Cómpre lembrar que entre o 4 e o 13 de setembro estará aberto o prazo para a renovación ou solicitude de praza nas Escolas Deportivas municipais. Os trámites poderanse efectuar na Casa da Cultura do Milladoiro ou na Oficina de Deportes de Bertamiráns.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Nueva Andaina da Familia y acercamiento al piragüismo para los vecinos de Ames"