Solapas principales

O Concello de Ames lanza unha campaña de medidas urxentes e extraordinarias para o aforro de auga

Sábado, 11 de julio de 2026

O Concello de Ames e Augas de Ames lanzaron hai dúas semanas a campaña “Cada gota conta” para promover o uso responsable da auga. O incremento das temperaturas e do consumo de auga propio do verán fai un chamamento á responsabilidade colectiva para garantir o abastecemento e evitar posibles restricións no futuro. Agora, a maiores, vén de publicarse un bando municipal sobre medidas urxentes e extraordinarias para o aforro de auga.

O Concello de Ames, a través da súa empresa pública municipal Augas de Ames EPEL que xestiona o servizo municipal da auga, vén de detectar un incremento significativo no consumo de auga nos últimos días, especialmente asociado a usos como o rego de xardíns e zonas verdes, o enchido de piscinas e outros consumos non esenciais.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “ante o inicio do período estival e as previsións de altas temperaturas, faise necesario adoptar medidas de responsabilidade e colaboración cidadá para garantir a dispoñibilidade deste recurso básico e evitar situacións que poidan afectar ao normal abastecemento da veciñanza”.

A xerente de Augas de Ames, Genma Otero, sinala que “con estas iniciativas queremos concienciar e previr, para garantir o abastecemento para todos e todas sen necesidade de adoptar medidas restritivas”.

Medidas de obrigado cumprimento
A auga é un ben común e limitado, polo que desde o Concello de Ames faise un chamamento a todas as veciñas e veciños para facer un uso racional e responsable da mesma, especialmente durante este período de maior demanda.

Por todo isto, as seguintes medidas son de obrigado cumprimento e manteranse vixentes ata novo aviso, polo que quedan prohibidos os seguintes usos da auga da rede de abastecemento:

-Rego de xardíns, hortas, céspedes e demais zonas verdes.
-O enchido de piscinas.
-O lavado de vehículos.
-A limpeza de beirarrúas, patios, fachadas e outros espazos exteriores con auga da rede.
-Calquera outro uso non esencial da auga potable que poida supoñer un consumo elevado.

Estas medidas teñen como obxectivo preservar un recurso esencial e garantir o abastecemento de auga a toda a veciñanza.

No caso de que non se produza unha redución significativa do consumo e non se respecte o cumprimento destas medidas, o Concello de Ames poderá verse na obriga de adoptar medidas máis restritivas para garantir o abastecemento, incluídos cortes temporais na subministración de auga.

O rexedor municipal agradece a implicación da veciñanza e lembra que pequenos xestos individuais contribúen a un beneficio colectivo, especialmente nun contexto de altas temperaturas e maior demanda de recursos.

O Concello de Ames lanza unha campaña de medidas urxentes e extraordinarias para o aforro de auga