Solapas principales

O Concello de Ames impulsa un ciclo de monólogos da man de figuras como Quico Cadaval, Pepo Suevos, Paula Carballeira e Carlos Blanco

Jueves, 25 de abril de 2024

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación do ciclo de monólogos que se celebrará en Ames entre o 23 e o 26 de maio. A proposta, impulsada polo Concello a través do departamento de Cultura, inclúe actuacións de figuras consolidadas como Quico Cadaval, Pepo Suevos, Paula Carballeira e Carlos Blanco, xunto con artistas emerxentes como Antía Costas, Adrián do Regenco e Cristóbal Álvarez. Os espectáculos desenvolveranse tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello e, no caso de Carlos Blanco, a través de Ataquilla.com.

Para o mes de maio o Concello de Ames organiza un ciclo de monólogos da man de sete artistas galegos. A iniciativa foi presentada esta mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns.  No acto estiveron presentes o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García; a técnica do departamento, María Vázquez; e os monologuistas Quico Cadaval e Pepo Suevos.

Durante a presentación, María Vázquez, técnica do departamento de Cultura, explicou que un dos obxectivos foi elaborar “unha programación que xuntase artistas consolidados con novas promesas de toda a xeografía galega”.

A presenza de novas promesas foi un dos puntos que destacaron os monologuistas Quico Cadaval e Pepo Suevos, quenes agradeceron ao Concello a súa aposta polo humor.

Pechou o acto Blas García, concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, que sinalou que esta proposta é “algo distinto do que vimos facendo habitualmente” e que “queremos que continúe nos vindeiros anos”. Así mesmo, destacou a variedade da programación cultural municipal, con propostas para todos os públicos, como o ciclo Abril de Cine ou as propostas de danza e teatro que integran o “Ames Cultural 2024”.

Monólogos en Bertamiráns e Milladoiro
A primeira sesión será o xoves 23 de maio, ás 21:00 horas, coa actuación de Quico Cadaval e Antía Costas na Casa da Cultura do Milladoiro. Neste mesmo auditorio estarán o sábado 25 Paula Carballeira e Cristóbal Álvarez, tamén ás 21:00 horas.

O ciclo chegará a Bertamiráns o venres 24, coa actuación de Pepo Suevos e Adrián do Regenco na Casa da Cultura ás 21:00 horas. A última sesión será o domingo 26, ás 19:00 horas, tamén no auditorio de Bertamiráns, da man de Carlos Blanco.

As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello, salvo no caso de Carlos Blanco, que só estarán dispoñibles a través de Ataquilla.com.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames estrena un ciclo de monólogos con cuatro actuaciones en mayo"

El Correo Gallego: "Ames crea un ciclo de monólogos: Suevos, Carballeira y Cadaval darán entrada a los noveles"

Ames Go: "Ames celebra en maio o ciclo de monólogos da man de figuras como Quico Cadaval, Pepo Suevos ou Carlos Blanco xunto a promesas do Stand up"

O Concello de Ames impulsa un ciclo de monólogos da man de figuras como Quico Cadaval, Pepo Suevos ou Carlos Blanco

Multimedia

  • O Concello de Ames impulsa un ciclo de monólogos da man de figuras como Quico Cadaval, Pepo Suevos ou Carlos Blanco
  • O Concello de Ames impulsa un ciclo de monólogos da man de figuras como Quico Cadaval, Pepo Suevos ou Carlos Blanco
  • O Concello de Ames impulsa un ciclo de monólogos da man de figuras como Quico Cadaval, Pepo Suevos ou Carlos Blanco
  • O Concello de Ames impulsa un ciclo de monólogos da man de figuras como Quico Cadaval, Pepo Suevos, Paula Carballeira e Carlos Blanco