Solapas principales

O Concello de Ames implantará unha nova Administración electrónica

Viernes, 20 de julio de 2018

O Concello de Ames comezou no pasado mes de febreiro os traballos correspondentes coa mellora dos servizos públicos a través das TIC e a implantación da Administración electrónica, que é un dos catro grandes obxectivos incluídos na Estratexia DUSI “Impulsa Ames”. A empresa Balidea é a encargada de desenvolver dito proceso despois de ser elixida por presentar a oferta económica máis vantaxosa. Os traballos, cofinanciados a través do programa europeo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020, consisten na realización dunha auditoría na que se avalía a situación actual do Concello de Ames no ámbito dos sistemas de información das novas tecnoloxías. Dita auditoría foi entregada hai escasas semanas. O alcance do traballo realizado, inclúe a análise da situación actual do Concello respecto da implantación da Administración Electrónica, a procura e análise de alternativas de mellora e a achega de conclusións e recomendacións a partir do traballo anterior.

Dentro do Plan Impulsa Ames da estratexia DUSI, que está levando a cabo o Concello de Ames, existen catro grandes obxectivos estratéxicos. O primeiro para a mellora de acceso aos servizos públicos a través das TIC e a implantación da Administración electrónica. O segundo para facer de Ames un concello integrador, ben comunicado con transporte público e privado. O terceiro é para converter Ames nun concello sustentable medioambientalmente, accesible e disfrutable polos seus veciños. O cuarto e último para ancorar a poboación xuvenil no concello, brindándolles ferramentas atractivas para o seu lecer e cultura e facilitando o emprego por medio do emprendemento.

No pasado mes de febreiro comezaron os traballos correspondentes coa mellora dos servizos públicos a través das TIC e a implantación da Administración electrónica. O Concello de Ames estivo traballando no proceso de implantación da Administración Electrónica, a través dos servizos da Plataforma SIGEM, que a Deputación de Coruña ofrece aos Concellos da provincia. A empresa Balidea é a encargada de desenvolver dito proceso despois de ser elixida por presentar a oferta económica máis vantaxosa. Dita empresa realizou unha auditoría para coñecer a situación actual do Concello respecto da implantación da Administración electrónica, a procura e análise de alternativas de mellora e a achega de conclusións e recomendacións a partir do traballo anterior.

A auditoría que se realizou estivo dividida en tres bloques. Por un lado no referente á Administración electrónica, un segundo bloque no que se estudou a implantación da tarxeta cidadá e un terceiro no que está incluído o estudio da web actual e das aplicacións de uso para a veciñanza como son o programa Conciliames, o das Escolas deportivas ou a propia Billeteira electrónica. Ademais, dita empresa ofrecerá asesoramento e apoio técnico, coa formación dunha Oficina Técnica, para a colaboración na redacción dos pregos necesarios para a contratación dos novos servizos que se consideren necesarios mellorar.

Conclusións da auditoría
Nas conclusións de dita auditoría indícase que, tanto polo que respecta ao estado actual de implantación da administración electrónica no Concello, como ao mercado de solucións tecnoloxías dispoñibles, considérase obvio sinalar que o Concello debe dar un impulso importante ao proceso de implantación, e que en base aos criterios de decisión analizados, é recomendable optar pola implantación dunha nova solución.

A decisión final por parte do Concello, especialmente polo que respecta a abrir un proceso de contratación pública, para optar por unha solución distinta á actual provista pola Deputación da Coruña, debe ter en todo caso moi en conta os riscos identificados e o plan de continxencia que se estea en condicións de implementar para a súa correcta xestión e tratamento. A auditoría completa pódese descargar no Portal da Transparencia, dentro do apartado de Información Institucional Organizativa e de Planificación (Plans e Programas).

Implantación dunha nova plataforma e da Tarxeta cidadá
Segundo as recomendacións da auditoría, o Concello levará a cabo o proceso de licitación dunha nova plataforma de Administración electrónica que permita acadar os obxectivos marcados de cara á cidadanía, e de xeito interno de xestión documental. Xa este mesmo ano poñerase en marcha o proceso de licitación no que o Concello financiará integramente a través dos fondos DUSI. O goberno de Ames espera poder iniciar o vindeiro ano coa nova plataforma xa funcionando e co obxectivo de poder ofertar os novos servizos á cidadanía, que poderá a través da sede electrónica facer un seguimento dos expedientes así como tramitar electronicamente un elevado número de solicitudes que a día de hoxe non é posible.

O alcalde de Ames e concelleiro de novas tecnoloxías, José Miñones, informa que "a aposta por unha Administración electrónica real e eficaz é unha prioridade deste goberno e de aí que o salto cualitativo e cuantitativo desta nova plataforma notarase tanto nas xestións internas por parte do persoal, como nas externas por parte da veciñanza. Investirase unha importante cantidade de diñeiro para conseguir a modernización da Administración e facilitar o día a día da veciñanza".

O Concello prevé ademais poñer en marcha a tarxeta cidadá cuxas características técnicas virán marcadas polo estudio realizado e que quedará aberto á implantación progresiva de novas aplicacións ou tecnoloxías para os diferentes trámites administrativos. A prioridade do goberno é poder xestionar todos os servizos municipais por medio dunha tarxeta virtual que permita tanto a inscrición nas Escolas deportivas, Escolas culturais, actividades de mocidade ou nos campamentos, así como a reserva de instalacións ou acceso aos eventos municipais. A implantación comezará polos servizos deportivos e prevese ir estendendo as funcionalidades da tarxeta cidadá ao resto de servizos.

Contido relacionado:


Compostela 24 horas:"O Concello de Ames implantará unha nova Administración electrónica"

O Concello de Ames implantará unha nova Administración electrónica