[19-10-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Obras Públicas, está realizando traballos de mantemento e limpeza das beirarrúas nunha superficie de 13,5 quilómetros, así como de apertura de cunetas en 16,5 quilómetros da rede viaria municipal. Estes traballos estanse realizando principalmente nas parroquias do rural e nos arredores de Bertamiráns e do Milladoiro. Nestas traballos vanse investir un total de 36.580 euros. O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras, Blas García, realizaron unha visita a Lapido e a Ventín para ver como se están executando estes traballos.
O concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, explica que “co paso do tempo as beirarrúas e as cunetas das pistas van acumulando sedimentos e vexetación, que pouco a pouco van atascando os pasos de auga e dificultando a drenaxe das pistas. Debido a iso é necesario realizar periodicamente un proceso de limpeza e acondicionamento das cunetas das pistas e das beirarrúas que se atopan na zona rural do concello. Este traballos son fundamentais antes da chegada do inverno”.
Deste xeito, xa se realizaron traballos de apertura de cunetas nun tramo de 200 metros de Guimaráns; nun treito de 700 metros da estrada xeral de Sisalde; e nun tramo de 1.400 metros da estrada que vai de Costoia a Quistiláns. Hoxe estase traballando nun treito de 3.000 metros da estrada que vai de Lapido a Maguxe. Nos vindeiros días seguirán executándose estes traballos en 11.200 metros nas zonas do Pedregal/Casaliño; en Covas; na estrada que vai dende o Lombao ata Proupín; de Carballo a Trasmonte; e de Carballo a Suevos. Estes traballos teñen un custo de 21.780 euros.
Por outra banda, estanse limpando as beirarrúas nunha superficie total de 13.500 metros. Estres traballos xa se realizaron en Biduído (nun tramo de 300 metros da estrada que dá acceso ao colexio Alca); nun treito de 600 metros da estrada que vai de Biduído a antes da Ponte de Paramuíño; en 550 metros da estrada que vai dende o Cruce de Ventín ata a cancha do Milladoiro; nun treito de 500 metros no lugar de Paramuíño; en 1.050 metros de Castiñeiro do Lobo; e en 1.100 metros da estrada de Cruxeiras. Hoxe continuase con estes traballos nun tramo de 600 metros da estrada que vai dende o cruce de Ventín ata a pista de xogo do CEP.
Durante os vindeiros días seguirán realizándose estas labores de limpeza en 8.800 metros de diferentes zonas como Bugallido, Guimaráns (dirección rotonda da Bola), dende o campo da festa de Ortoño cara Agro do Muíño; na estrada xeral de Covas (dende Capeáns ata o cruce do Lombao); dende o lugar da Igrexa, en Covas, ata o cruce de Castelo; e en Tarrío. Estes traballos teñen un custo de 14.800 euros.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Abren cunetas y limpian aceras en 30 kilómetros de vías municipales de Ames"
El Correo Gallego: "Ames limpia cunetas y aceras en 30 kilómetros del concello"