Solapas principales

O Concello de Ames e a Xunta de Galicia asinan un convenio por 275.900€ para cofinanciar o servizo dos comedores escolares municipais

Jueves, 23 de septiembre de 2021

O alcalde de Ames, Blas García e o concelleiro de Educación, David Santomil, mantiveron unha xuntanza co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. A reunión abordou a construcción do novo colexio no Milladoiro, a ampliación do CEIP Agro do Muíño e a sinatura dun convenio para financiar o servizo de comedor escolar en sete centros de Ames.

O alcalde de Ames, Blas García e o concelleiro de Educación, David Santomil, mantiveron unha xuntanza co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez onde coñeceron todos os detalles da recente licitación do proxecto básico e de execución para a construción do novo colexio no Milladoiro.

O novo colexio suporá un investimento de 4,5M€ da Xunta de Galicia e será o primeiro dos centros construído integramente baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para deseñar un novo modelo de colexios e institutos postpandemia.

O centro terá capacidade para 450 alumnos e contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro para desdobres, aula de música, sala de usos múltiples, biblioteca e ximnasio (con vestiarios adaptados). Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a ANPA, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun espazo central ou foro, multifuncional complementario do resto, para a formación dunha paisaxe de aprendizaxe aberto. Ademais, atendendo á Estratexia de Educación Dixital 2030, o centro contará con local para a formación TIC dos docentes e aulas multifuncionais para seren empregadas como espazos maker para traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipados cos materiais necesarios (domótica, material de creación e procesado audiovisual, impresión 3D, mecanizado, electromecánica...).

No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta. Así mesmo, para unha mellor integración na contorna, o centro terá zonas verdes e un horto.

Ampliación do CEIP Agro do Muíño
O conselleiro informou tamén ao alcalde da inmediata publicación da licitación da redacción do proxecto de ampliación do CEIP Agro do Muíño en seis novas aulas. O investimento previsto para esta actuación ascende a 1,3M€.

A previsión, tanto para a construción do novo colexio como para a ampliación do Agro do Muíño, é licitar e executar as obras en 2022 para que os novos espazos poidan iniciar a súa actividade no curso escolar 2023/24.

Convenio para o servizo de comedores
No transcurso da reunión, o conselleiro e o alcalde asinaron o convenio de colaboración para a prestación do servizo de comedor escolar en sete colexios públicos de Ames. A Xunta de Galicia achega 275.900€ para cofinanciar este servizo nos cursos 2021-22 e 2022-23, do que se benefician un máximo de 1.550 nenos diariamente.

Este servizo conta co apoio do Goberno galego desde o curso 2012-13, período no cal leva inxectado arredor de 1,16M€ para cofinanciar a prestación deste servizo que é fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar.

Destacar que este novo convenio abrangue os sete centros escolares de Ames. Deste xeito súmanse os centros EEI Igrexa e EEI Covas aos colexios CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño, CEIP Barouta e CEP Ventín e á escola de Educación Infantil EEI Milladoiro.

O alcalde de Ames, Blas García, valorou moi positivamente esta xuntanza en que se trataron temas de gran calado para a cidadanía amesá "a de onte foi unha xuntanza moi positiva e cordial onde asinamos un convenio, polo que, a Xunta cofinanciará con 275.900€ o servizo de comedor escolar durante os cursos 2021-2022 e 2022-2023, e do que se beneficiarán un máximo de 1.550 nenas e nenos. Ademais, abordouse a construcción do novo CEIP do Milladoiro e a ampliación do CEIP Agro do Muíño, obras que suporán un investimento de case seis millóns de euros".

Segundo o concelleiro de Educación, David Santomil, con esta xuntanza "seguimos coa folla de ruta establecida dende hai seis anos de poñer en valor a colaboración institucional entre a Xunta e o Concello de Ames para mellorar os equipamentos educativos". E destacou "tratamos temas moi importantes para o concello como son a ampliación do CEIP Agro do Muíño, a construcción dun novo centro escolar do Milladoiro pero, sobre todo, a sinatura do convenio para cofinanciar os comedores escolares. O servizo dos comedores escolares é o buque insignia dos servizos públicos municipais e a través deste cofinanciamento e coa licitación realizada polo Goberno de Ames garantimos a prestación deste servizo público para os próximos catro anos, blindando así un dos servizos básicos e esenciais para a cidadanía amesá, no ámbito da conciliación da vida laboral e familiar".

Novas relacionadas:

Revista AmesGO: "O novo colexio do Milladoiro será unha aposta pola tecnoloxía"

O Concello de Ames e a Xunta de Galicia asinan un convenio por 275.900€ para cofinanciar o servizo dos comedores escolares municipais

Multimedia

  • O Concello de Ames e a Xunta de Galicia asinan un convenio por 275.900€ para cofinanciar o servizo dos comedores escolares municipais
  • O Concello de Ames e a Xunta de Galicia asinan un convenio por 275.900€ para cofinanciar o servizo dos comedores escolares municipais