Solapas principales

O Concello de Ames e o Instituto Nacional da Seguridade Social establecen unha de vía de colaboración par axilizar a tramitación do ingreso mínimo vital

Viernes, 17 de julio de 2020

O Concello de Ames e mailo Instituto Nacional da Seguridade Social alzaron un acordo de colaboración para a tramitación do ingreso mínimo vital. O acordo coa Seguridade Social permitirá acurtar prazos e evitarlles esperas ás persoas que optan á nova prestación. Elimínanse trámites para axilizar a petición do ingreso mínimo vital que o Goberno central destina ás persoas con menos recursos.

Ata o de agora, resultaba preciso que os e as solicitantes da renda presentasen certificados de empadroamento ou convivencia expedidos polo concello. Tras o acordo entre o Goberno local e a Seguridade Social ese trámite xa non será necesario. Será o propio INSS o que solicitará directamente certificados de convivencia e empadroamento cando os cidadáns así o autoricen. Trátase de documentos necesarios para realizar trámites coma a solicitude do ingreso mínimo vital,polo que durante as últimas semanas a súa elevada demanda está a saturar os servizos da Administración local.

Precisamente para evitar desprazamentos, reducir a afluencia de persoas nas oficinas municipais e tamén o tempo de tramitación e resolución das axudas solicitadas, vai a poñerse en marcha en Ames este procedemento co obxectivo de que “os cidadáns sexan os primeiros beneficiarios. Trátase de facilitarlle as cousas ao máximo ás persoas que máis o precisan para que teñan acceso canto antes ao ingreso mínimo vital", indicou o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández.

Na práctica, o Instituto Nacional da Seguridade Social solicitaralle ao Concello os certificados a través do correo electrónico e nun prazo de cinco días a Administración local remitirá os documentos ao Instituto, unha colaboración que aforrará tempo ás persoas que soliciten a axuda.

Imaxe da praza do Concello