Solapas principales

O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental “Promover o galego dende o local”

Miércoles, 05 de noviembre de 2025

O vindeiro luns, 17 de novembro, ás 19.00 horas, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a estrea de “Promover o galego dende o local”, un documental sobre programas de dinamización lingüística. A peza audiovisual, producida por Nós Televisión e financiada polo Concello de Ames, pon en valor as diversas iniciativas que se desenvolven en Ames para impulsar e promover o uso do galego a través de diferentes proxectos como o Galetiktokers, Modo Galego, actívao!, os Premios Lingua e Empresa ou o Certame Literario.

“Promover o galego dende o local”, financiado polo Concello de Ames e producido por Nós Televisión, é un documental que ten como obxectivo dar visibilidade  ao traballo que se realiza desde as Administracións locais para fomentar o uso da lingua galega.

O documental conta coa participación do alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras; e a técnica do departamento de Mocidade, Pilar Villaverde. 

Tamén participaron Alonso Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, María Cebey, Carlota Mera, Julio de la Iglesia e o alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta.

A proxección estrearase en primicia, aberta a todos os públicos, o vindeiro luns, 17 de novembro, ás 19.00 horas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A partir do 22 de novembro poderá visualizarse na canle de Youtube de Nós Televisión, na canle número 9 de R en toda Galicia e na plataforma Movistar Plus+ en todo o Estado español.

O documental ten unha duración de 37 minutos. A produción executiva correu a cargo de Rosabel Candal e Diego Frey. Da dirección, guión e produción ocupouse Ana Viqueira, mentres que da realización encargouse Martín Rodríguez e Diego Frey. Manuel Expósito realizou traballos de axudante de realización e da edición e montaxe ocupouse Martín Rodríguez. O deseño de grafismos e creatividades foi traballo de Roi Barros; e os operadores de Cámara e iluminación foron Pio Cribeiro, Roi Barros, Martín Rodríguez e Manuel Expósito. Ademais contouse con imaxes de dron grazas ao traballo de Pio Cribeiro, e a locución de voz en off fíxoa Xiana Arias.

4 proxectos de Ames para promover o galego
No documental abórdanse catro proxectos que o Concello de Ames desenvolve a través das Concellarías de Normalización Lingüística, Mocidade, Educación e Promoción Económica para fomentar e normalizar o uso da lingua en diferentes ámbitos, dende o educativo ata o empresarial. 

Por unha banda, fálase do certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística, e que pretende  motivar á mocidade á creación e divulgación de contidos en galego. O modelo a seguir son os vídeos curtos da rede social TikTok, unha das aplicacións máis populares, sobre todo entre os máis mozos e mozas. 

Outro dos proxectos dos que se fala no documental son os Premios Lingua e Empresa, organizado polos departamentos de Promoción Económica e Normalización Lingüística. Esta iniciativa naceu co obxectivo de estimular o uso da lingua galega na actividade económica do concello de Ames, concretamente no eido empresarial, e recoñecer aos comercios e empresas que usen na súa vida cotiá o galego. 

O Certame Literario de Ames, organizado polo departamento de Normalización Lingüística, é outro dos proxectos que protagonizan o documental. Trátase dunha iniciativa con máis de dúas décadas de andadura e que ten como obxectivo impulsar a creación literaria en lingua galega, xunto con promover e difundir a cultura propia.

Por último, abórdase o programa  Modo galego, actívao!, impulsado por primeira vez hai 3 anos pola Real Academia Galega e o Concello de Ames. Este proxecto naceu co co propósito de explorar novos xeitos de promover a lingua entre a xente máis nova e avaliar os resultados, implicando e motivando a toda a comunidade educativa (Educación Infantil, Primaria e, este ano, 1º e 2º da ESO) á empregar a lingua en todos os contextos da súa vida cotiá.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Estrease en Ames o documental Promover o galego dende o local"

Diario de Compostela: "O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental 'Promover o galego dende o local'"

Ames Go: "O luns 17 estrean o documental Promover o galego dende o local de Nós TV"

O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental “Promover o galego dende o local”

Multimedia

  • O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental “Promover o galego dende o local”
  • O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental “Promover o galego dende o local”
  • O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental “Promover o galego dende o local”
  • O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental “Promover o galego dende o local”
  • O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental “Promover o galego dende o local”
  • O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental “Promover o galego dende o local”
  • O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental “Promover o galego dende o local”
  • O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental “Promover o galego dende o local”