Solapas principales

O Concello de Ames e a Consellería de Emprego estudan crear un Centro de formación especializada en enerxías renovables

Miércoles, 20 de abril de 2022

Esta mañá a directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia, Zeltia Lado, achegouse ata a Casa do Concello, onde foi recibida polo alcalde de Ames, Blas García, e por unha ampla representación do Goberno municipal e do grupo municipal popular. Alí o axente de desenvolvemento local explicoulle a proposta  presentada á Consellería de Emprego e Igualdade para poñer en marcha un centro para o impulso e o despregue das enerxías renovables e a eficiencia enerxética. De seguido,   visitaron a UAF, a Unidade de Acción Formativa que a Xunta de Galicia ten en Ames, onde se pretende crear o devandito centro de enerxías renovables de Ames. A visita rematou no Centro de Formación de Emprego do Concello de Ames, onde a directora xeral coñeceu o traballo que están a realizar os 20 alumnos do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV.

Existindo a necesidade de dotar de competencias técnicas ao mercado das enerxías renovables e a eficiencia enerxética, dende o Concello de Ames preténdese crear un centro de competencias para a formación, investigación e a transferencia das distintas tecnoloxías deste sector. O obxectivo é poñer en marcha un centro para o impulso e o despregue das enerxías renovables e a eficiencia enerxética. O alcalde, Blas García, indica que “o proxecto é crear un centro de referencia de enerxías renovables para toda Galicia, que combine un espacio de formación e práctica para o alumnado e un espacio de exposición das enerxías renovables, para poder explicar as distintas enerxías e como é o seu funcionamento”.

Na visita feita ao concello de Ames, en agosto de 2021, pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentóuselle esta ambiciosa proposta para a creación dun centro de referencia de enerxías renovables para toda Galicia na actual Unidade de Acción Formativa que a Xunta ten no concello de Ames. Agora, co obxectivo de iniciar conversas coa Dirección Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia, presentóuselle este proxecto á directora xeral, Zeltia Lado, para tratar de avanzar neste eido.

A través desta iniciativa preténdese mellorar a calidade da formación ao dispor dun espazo específico e adaptado, tecnoloxicamente concertado coas innovacións que as empresas queren introducir no mercado. Deste xeito, tamén se trata de dar resposta ás necesidades do mercado de acordo cos perfís profesionais previstos nos novos regulamentos da certificación enerxética de edificios. A idea é crear un laboratorio para formar persoas que se atopan desempregados, pero tamén para formar profesionais en activo que na actualidade se dedican a outras profesións como a fontanería ou a electricidade, entro outras.

Este centro permitiría implementar formación para máis de 2.000 alumnos ao ano en cursos de formación continúa e impartir máis de 130 cursos ao ano de curta duración (entre 8 e 40 horas de formación) de catálogo SEPE, cursos de empresas instaladoras, casas provedoras e clúster da enerxía. Asemade, impartiríanse cursos máis longo para desempregados e para á mocidade, de cualificación inicial ligados á certificados de profesionalidade. Deste xeito, impartiríase formación en enerxías renovables; climatización e refrixeración; gases combustibles e auga; sistemas de enerxía eléctrica; electrónica, telexestión e control industrial.

O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “somos un concello que sempre apostou pola formación das persoas desempregadas. Isto é unha pata moi importante que temos na cabeza, tanto no aspecto da formación como na exposición, para poder mostrar a outros concellos e institucións as enerxías renovables que van saíndo, que vaian vendo a súa utilidade”. Blas García engade que “agora mesmo temos dúas patas nas que pivota a nosa formación, Aldea Nova e o coworking do Milladoiro. E esta é outra das patas que queremos engadir, traballando coas enerxías renovables. De cara ao futuro estamos traballando, a través da EDUSI Impulsa Ames nun centro multifuncional no Milladoiro, que estará destinado á formación, pero tamén á mocidade e outros temas de carácter social. Onte precisamente estivemos visitando as obras do obradoiro Renova, que nos permiten aforrar arredor do 40% do consumo eléctrico na EDAR do Milladoiro”.

Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica, ana Balen Paz, explica que “para este novo centro que pretendemos crear necesítase dispor dun espazo aberto e adaptable a dita formación no que se poida formar persoas que posteriormente poidan entrar directamente no mercado laboral. Na actualidade, no sector  das enerxías renovables existe unha gran demanda de man de obra por parte do sector empresarial. Por iso é moi importante que os clúster da enerxía interveñan de xeito directo e se imparta unha formación específica sobre as necesidades que existen e se demandan no mercado laboral”.

Cómpre lembrar que o Goberno municipal leva tempo traballando neste proxecto. Deste xeito, mantiveron unha xuntanza con persoal do grupo Saltoki e visitaron a empresa empresa portuguesa ISQ, situada en Porto, para coñecer de primeira man o traballo que están realizando no sector das enerxías renovable.  

Unidade de Acción Formativa da Xunta de Galicia
A continuación, achegáronse á Unidade de Acción Formativa que a Xunta de Galicia ten no concello de Ames. Alí visitaron ás instalacións deste centro, onde a Xunta de Galicia imparte diferentes accións formativas. A directora xeral puxo en valor a formación especializada que ofrecen os cursos que alí se desenvolven grazas ao apoio da Xunta. Zeltia Lado sinalou que cada unha das accións realizadas na UAF están a impactar na mellora da inserción laboral das persoas sen emprego e están a contribuír a dar resposta á demanda dun mercado de traballo cada vez máis competitivo.

Obradoiro de emprego Renova IV
Por último, visitaron aos 20 alumnos (15 de Ames e 5 de Brión) que están participando no obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova IV. A directora xeral referiuse ao obradoiro de emprego Renova IV, que ofrece formación especializada en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas e un contrato de traballo “nun sector innovador e de futuro”, engadiu Lado.

Explicou o triplo dimensión dos obradoiros de emprego que, ademais de ofrecer formación e un contrato de traballo ás persoas sen emprego que participan neles, permiten a mellora de espazos públicos no ámbito local e contribúen á promover a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais galegas. No caso de Ames, os alumnos e alumnas do taller desenvolverán a instalación fotovoltaica das depuradoras de Ameixenda e Milladoiro e o mantemento das emprazadas nos edificios municipais, entre outras actuacións.

“Os obradoiros e os cursos para desempregados constitúen a ponte idónea para a inserción laboral e están a dar un pulo ás oportunidades laborais dos galegos e galegas”, subliñou. Así, salientou a aposta da Xunta por unha formación para o emprego “transversal, eficaz e especializada que permita nunha inserción real no mercado de traballo”. Neste eido, Lado lembrou que a Consellería de Emprego e Igualdade está a investir este ano máis de 100 millóns de euros a través do Plan galego de formación para contribuír a crear “unha Galicia máis preparada e máis competitiva”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "“Vemos interese en crear un centro de enerxías renovábeis en Bertamiráns”"

Enfoques: "El Concello de Ames propone crear un centro de formación especializada en energías renovables"

Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia

Multimedia

  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia
  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia
  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia
  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia
  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia
  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia
  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia
  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia
  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia
  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia
  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia
  • Imaxe da visita da directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia