Solapas principales

O Concello de Ames deséxalle á veciñanza unhas boas festas e un ventureiro 2022

Miércoles, 22 de diciembre de 2021

O Concello de Ames quere desexarlles a todos os veciños e veciñas unhas boas festas de Nadal e un próspero ano 2022, no que poidamos volver á normalidade. A tarxeta elixida para a felicitación recolle unha imaxe de Pontemaceira e  uns versos da poeta amesá Filomena Fraga.  

“Un día de primavera ao alto do monte subín. Canta beleza mirei, canta beleza eu vin! Os tocos cheos de flores, de floriñas amarelas”. Con estes versos da poeta de Agrón, Filomena Fraga, e unha imaxe de Pontemaceira felicita este ano o concello as festas de Nadal.

O alcalde, Blas García, no nome da Corporación municipal, transmite unha mensaxe de paz e harmonía, ao tempo que pide prudencia dada a situación sanitaria na que nos atopamos: “Estamos nunhas datas de celebración, de desfrutar da familia e de descansar. Unhas datas nas que debe reinar a alegría, a paz e a harmonía, pero que, tamén, e dada a situación que vivimos debemos de ser prudentes e respectuosos coas medidas sanitarias. Unhas datas nas que temos que preservar a nosa saúde e a dos nosos familiares para procurar saír canto antes desta situación”.

Engade o alcalde bos desexos tamén para o ano novo: “E para o novo ano o máis importante é ter saúde e poder volver á normalidade, á ansiada normalidade!! O meu compromiso persoal e o do Goberno que presido é que seguiremos traballando para que Ames siga progresando e sendo un concello referente en Galicia. Boas festas a todos e a todas”.

Nadal en Ames