Solapas principales

O Concello de Ames conmemorou o Día Nacional do Celíaco cunha comida na EEI do Milladoiro

Miércoles, 27 de mayo de 2015

[27-05-2015] O comedor da Escola de Educación Infantil do Milladoiro acolleu este mediodía unha comida coa que o Concello de Ames conmemorou o Día Nacional do Celíaco. Con este xantar fíxose extensivo ao resto de alumnado o tratamento alimentar que seguen os nenos e nenas celíacos. Nesta comida participaron o alcalde en funcións de Ames, Santiago Amor, a concelleira en funcións de Xuventude, Ana Ruso, e varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal, así como representantes dos centros educativos amesás, empregados dos colexios, traballadores do Concello e un grupo de pais/nais de nenos/as con celiaquía e/ou alerxias alimentarias.

Pan sen glute, ensalada tropical, marmitaco de atún e iogur natural. Esta foi a comida que se serviu hoxe na Rede Municipal de Comedores Escolares e nas escolas infantís para conmemorar o Día Nacional do Celíaco, en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) e a Asociación Española de Alérxicos a Alimentos e Látex (AEPNAA). Este menú foi totalmente apto para os celíacos e os nenos/as que sofren algún tipo de alerxia alimentaria. O resto de nenos e nenas que non seguen un tratamento alimentar específico tamén xantaron o mesmo menú.

Por parte da corporación municipal asistiron a esta comida o alcalde en funcións, Santiago Amor, a concelleira en funcións de Xuventude, Ana Ruso, e os/as concelleiros/as José Blas García, Begoña Gómez, Pilar Candocia e María González.

Xunto a eles, estiveron Ángeles Tovio, directora da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA); unha representante da Asociación Española de Alérxicos a Alimentos e Látex (AEPNAA); a directora da EEI Milladoiro, representantes dos colexios de educación infantil e primaria de Ames; empregados dos colexios, as directoras das escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena; varias traballadoras do departamento de Educación; a aparelladora municipal, os representantes das empresas de monitores adxudicatarias dos servizos complementarios; e un grupo de pais e nais de nenos e nenas con celiaquía e/ou alerxias alimentarias.

Alerxias alimentarias
O Concello de Ames é pioneiro dende o curso 2005-2006 nesta labor de integración nos seus comedores, mediante o traballo tanto da Rede Municipal de Comedores Escolares como das dúas escolas infantís municipais: O Bosque e A Madalena, ofrecendo aos nenos e nenas usuarios destes servizos menús adaptados ás súas necesidades alimentarias.

Durante este curso a Rede Municipal de Comedores atende a máis de 110 nenos e nenas con tratamento nutricional específico, con menús equilibrados deseñados pola nutricionista municipal dentro de 21 protocolos (alerxia á proteína do leite, alerxia ao ovo, alerxia ao peixe, intolerancia ao glute, intolerancia á lactosa, intolerancia á frutosa, metabolopatías, dieta adstrinxente, dieta controlada en colesterol, dieta por túrmix, dieta por hipertensión, etcétera).

Estes menús son deseñados, elaborados e servidos establecendo varios filtros de seguridade para evitar a contaminación cruzada e posibles erros humanos, tanto no deseño, como na elaboración e no servizo aos correspondentes comensais.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Menú sin gluten para la ensalada política de Ames"