Solapas principales

O Concello de Ames conmemora mañá o Día Nacional do Celíaco cun xantar na Escola de Educación Infantil do Milladoiro

Martes, 26 de mayo de 2015

[26-05-2015] O Concello de Ames conmemorará mañá mércores o Día Nacional do Celíaco cun xantar no comedor da Escola de Educación Infantil do Milladoiro (EEI). O departamento de Educación organiza esta comida coa que se pretende facer extensivo ao resto de alumnado amesán o tratamento alimentar que seguen os nenos celíacos.

A esta comida asistirán o alcalde en funcións, Santiago Amor, e membros da corporación municipal, así como empregados do colexio, traballadores do Concello, medios de comunicación e pais de alumnos con celiaquía e alerxias alimentarias.  

A través desta iniciativa preténdese informar sobre a celiaquía, que é a enfermidade crónica intestinal máis frecuente no Estado, concienciando á veciñanza de que quen padece esta doenza pode realizar unha vida absolutamente normal, sen ter que renunciar a ningún tipo de actividade social, deportiva ou afectiva.  

Dende o curso 2005-2006 a Rede Municipal de Comedores Escolares vén realizando esta comida institucional co obxecto de concienciar á cidadanía sobre a importancia que ten a integración deste colectivo na sociedade e que se ofrezan menús adaptados ás persoas que o necesitan por enfermidades como as alerxias, as intolerancias, a enfermidade celíaca, etcétera.  

Os convidados a esta xa tradicional comida probarán un menú deseñado para persoas con enfermidade celíaca, intercambiarán impresións e solidarizaranse cos rapaces celíacos, alérxicos e, en xeral, coas persoas que requiren un tratamento nutricional específico por mor de intolerancias ou enfermidades.  

Alerxias alimentarias

Durante este curso a Rede Municipal de Comedores atende a máis de 110 nenos e nenas con tratamento nutricional específico, con menús equilibrados deseñados pola nutricionista municipal dentro de 21 protocolos (alerxia á proteína do leite, alerxia ao ovo, alerxia ao peixe, intolerancia ao glute, intolerancia á lactosa, intolerancia á frutosa, metabolopatías, dieta adstrinxente, dieta controlada en colesterol, dieta por túrmix, dieta por hipertensión, etcétera).  

Estes menús son deseñados, elaborados e servidos establecendo varios filtros de seguridade para evitar a contaminación cruzada e posibles erros humanos, tanto no deseño, como na elaboración e no servizo aos correspondentes comensais.