Solapas principales

O Concello de Ames condena os crimes machistas ocorridos este pasado sábado en Lugo e Granada

Lunes, 10 de febrero de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, realizou esta mañá, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa dos crimes machistas ocorridos este sábado, 8 de febreiro, en Lugo e Granada. As vítimas deste novos casos de violencia de xénero foron Clara Expósito Villanueva, segunda muller asasinada en Galicia no que levamos de 2020, e Ana Morillas Mazuecos. Con elas xa son 1.041 as mulleres asasinadas por violencia machista dende 2003. Pola tarde, ás 20:00h, haberá unha concentración na praza da Maía, en Bertamiráns.

Os membros da Corporación municipal, traballadores/as municipais, e veciños e veciñas de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ante os asasinatos de Clara Expósito Villanueva e Ana Morillas Mazuecos, ambos ocorridos este pasado sábado, 8 de febreiro, nas cidades de Lugo e Granada, respectivamente. Durante a concentración, que tivo lugar en Bertamiráns e no Milladoiro, gardouse un minuto de silencio en lembranza destas dúas muller que foron vítimas desta lacra.

Clara Expósito Villanueva é a segunda muller asasinada en Galicia no que levamos de 2020, tralo asasinato de Manuela Iglesias Fernández, o pasado 25 de xaneiro, na parroquia de Crecente pertencente ao concello da Pastoriza. Coa morte destas dúas mulleres  xa son 1.041 as mulleres asasinadas por violencia machista dende 2003.

O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato, asesoramento xurídico e/ou acompañamento psicosocial o CIM de Ames (Centro de Información a Muller). Para elo poden achegarse ata os departamentos de Servizos Sociais ou chamar aos números de teléfono de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941, ou directamente ao teléfono do CIM: 662371392 . Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.
 
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, dixo na praza do Concello, en Bertamiráns, antes do minuto de silencio, que “a violencia de xénero volve a deixar dúas novas vítimas en Lugo e Granada. Con elas xa somos 1.041 as mulleres asasinadas dende 2003” e preguntouse: “cantas máis teñen que morrer?”.

Luísa Feijóo engade “cada vez temos máis clara a necesidade de reclamar medidas reais e efectivas traballando conxuntamente dende todos os ámbitos na educación en valores, na prevención e na sensibilización. Só a educación e con cambios radicais na nosa sociedade, estaremos en disposición de dar pasos reais para avanzar cara a igualdade real entre homes e mulleres. Só cando afrontemos colectivamente que as mulleres somos asasinadas polo feito de selo, que as violencias machistas son un problema estrutural, que nos afecta a todos e todas avanzaremos como sociedade. A loita contra a lacra das violencias machistas non debe encadrarse nunha data concreta, nin nunha acción concreta, debe estar nas nosas axendas os 365 días do ano”.

Por outra banda, a Plataforma Feminista Galega convocou para este luns, 10 de febreiro, ás 20:00 horas, varias concentracións en cidades e localidades galegas baixo o lema Basta de feminicidios. O machismo mata! No concello de Ames haberá unha concentración na praza da Maía, en Bertamiráns.

Concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns

Multimedia

  • Concentración diante das Oficinas Xerais do Milladoiro
  • Concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns