- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, realizou esta mañá, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, do Centro de formación de Aldea Nova e das oficinas municipais do Milladoiro, en repulsa do crime machista ocorrido este sábado, 3 de xuño, no concello pontevedrés de Oia. A vítima deste novo caso de violencia de xénero foi Ana Vanessa Serén Penas, de 44 anos de idade. É a segunda muller asasinada en Galicia en 2023 por violencia machista, a número 21 en España dende comezo de ano, e a 1.205 desde 2003.
Os membros da Corporación municipal, traballadores/as municipais, e veciños e veciñas de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ante o asasinato de Ana Vanessa Serén Penas, de 44 anos de idade. Durante a concentración, que tivo lugar en Bertamiráns, en Aldea Nova e no Milladoiro, gardouse un minuto de silencio en lembranza desta muller que foi vítima desta lacra.
Ana Vanessa Serén Penas é a segunda muller asasinada en Galicia en 2023 por violencia machista e a número 21 en España. Dende o ano 2003 en España mataron a 1.205 mulleres en actos de violencia de xénero.
O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato, asesoramento xurídico e/ou acompañamento psicosocial o CIM de Ames (Centro de Información a Muller).
Para elo poden achegarse ata os departamentos de Servizos Sociais ou chamar aos números de teléfono de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941, ou directamente ao teléfono do CIM: 662371392. Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.
O 016 atende a todas as vítimas de violencia machista as 24 horas do día e en 52 idiomas diferentes, do mesmo xeito que o correo 016-online@igualdad.gob.es; tamén se presta atención mediante WhatsApp a través do número 600000016, e os menores poden dirixirse ao teléfono da Fundación ANAR 900 20 20 10.
Nunha situación de emerxencia, pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e en caso de non poder chamar pódese recorrer á aplicación ALERTCOPS, desde a que se envía un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.