Solapas principales

O Concello de Ames condena o crime machista ocorrido o domingo no municipio pontevedrés de Baiona

Martes, 07 de febrero de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, realizou esta mañá, ás 11:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa do crime machista ocorrido este domingo, 5 de febreiro, no concello pontevedrés de Baiona. A vítima deste novo caso de violencia de xénero foi Beatriz Lijó, de 47 anos de idade. É a primeira muller asasinada en Galicia en 2023 por violencia machista, a número 8 en España dende comezo de ano e a 1.190 desde 2003.

Os membros da Corporación municipal, traballadores/as municipais, e veciños e veciñas de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ante o asasinato de Beatriz Lijó, de 47 anos de idade. Durante a concentración, que tivo lugar en Bertamiráns e no Milladoiro, gardouse un minuto de silencio en lembranza desta muller que foi vítima desta lacra.

Beatriz Lijó é a primeira muller asasinada en Galicia en 2023 por violencia machista e a número 8 en España. Dende o ano 2003 en España mataron a 1.190 mulleres en actos de violencia de xénero.

O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato, asesoramento xurídico e/ou acompañamento psicosocial o CIM de Ames (Centro de Información a Muller).

Para elo poden achegarse ata os departamentos de Servizos Sociais ou chamar aos números de teléfono de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941, ou directamente ao teléfono do CIM: 662371392. Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca a importancia “de realizar un traballo conxunto dende todos os ámbitos na educación en valores, na prevención e na sensibilización. Só a educación e con cambios radicais na nosa sociedade, estaremos en disposición de dar pasos reais para avanzar cara a igualdade real entre homes e mulleres”.

Ademais, engade “só cando afrontemos colectivamente que as mulleres somos asasinadas polo feito de selo, que as violencias machistas son un problema estrutural, que nos afecta a todos e todas avanzaremos como sociedade. A loita contra a lacra das violencias machistas non debe encadrarse nunha data concreta, nin nunha acción concreta, debe estar nas nosas axendas os 365 días do ano”.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Minuto de silencio en Bertamiráns e no Milladoiro pola última vítima de violencia machista en Galicia"

O Concello de Ames condena o crime machista ocorrido o domingo no municipio pontevedrés de Baiona