Solapas principales

O Concello de Ames condena o crime machista ocorrido este pasado sábado no municipio lucense da Pastoriza

Lunes, 27 de enero de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, realizou esta mañá, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa do crime machista ocorrido este sábado, 25 de xaneiro, no municipio lucense da Pastoriza. Trátase da sexta muller asasinada nos 27 días que levamos de 2020. Pola tarde, ás 20:00h, haberá unha concentración na praza da Maía, en Bertamiráns. Co asasinato de Manuela Iglesias xa son 1.039 as mulleres vítimas mortais de violencia machista desde 2003.

Os membros da Corporación municipal, traballadores/as municipais, e veciños e veciñas de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ante o asasinato de Manuela Iglesias Fernández. O crime machista ocorreu este pasado sábado, 25 de xaneiro, na parroquia de Crecente pertencente ao concello da Pastoriza. Durante a concentración, que tivo lugar en Bertamiráns e no Milladoiro, gardouse un minuto de silencio en lembranza desta muller que foi vítima desta lacra. Trátase da sexta muller asasinada nos 27 días que levamos de 2020.

O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato, asesoramento xurídico e/ou acompañamento psicosocial o CIM de Ames (Centro de Información a Muller). Para elo poden achegarse ata os departamentos de Servizos Sociais ou chamar aos números de teléfono de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941, ou directamente ao teléfono do CIM: 662371392 . Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destacou que “a violencia machista volta a golpearnos con forza, esta vez máis preto. Cada vez temos máis clara a necesidade de reclamar medidas reais e efectivas traballando conxuntamente dende todos os ámbitos na educación en valores, na prevención e na sensibilización. Só a educación e con cambios radicais na nosa sociedade, estaremos en disposición de dar pasos reais para avanzar cara a igualdade real entre homes e mulleres. Só cando afrontemos colectivamente que as mulleres somos asasinadas polo feito de selo, que as violencias machistas son un problema estrutural, que nos afecta a todos e todas avanzaremos como sociedade. A loita contra a lacra das violencias machistas non debe encadrarse nunha data concreta, nin nunha acción concreta, debe estar nas nosas axendas os 365 días do ano”.

Por outra banda, a Plataforma Feminista Galega convocou para este luns, 27 de xaneiro, ás 20:00 horas, varias concentracións en cidades e localidades galegas baixo o lema Basta de violencia machista!!! No concello de Ames haberá unha concentración na praza da Maía, en Bertamiráns.

Minuto de silencio na Casa do Concello de Bertamiráns

Multimedia

  • Minuto de silencio na Casa do Concello de Bertamiráns
  • Minuto de silencio na Casa do Concello de Bertamiráns