Solapas principales

O Concello de Ames coloca unha escultura no parque do Ameneiral para marcar o inicio da última etapa do Camiño da Ría Muros Noia

Miércoles, 08 de febrero de 2023

A localidade de Bertamiráns é o punto de partida do último tramo do Camiño de Santiago da Ría Muros Noia. Este camiño, que conxuga mar e montaña, ofrece a posibilidade de realizar unha peregrinación marítima, para o que hai que realizar 90 millas náuticas e 12 quilómetros a pé. Para marcar o inicio da última etapa a pé de dito Camiño, o Concello de Ames vén de colocar unha escultura no parque do Ameneiral. A escultura foi deseñada e executada polo alumnado de segundo curso do Ciclo superior de Técnicas da Escultura da EASD Mestre Mateo. Dita escultura representa o mar.

Esta mañá realizouse o acto de presentación da nova escultura que vén de colocar o Concello de Ames, a través da Concellaría de Turismo, na entrada do parque Ameneiral, en Bertamiráns. A través de dita escultura márcase o inicio da última etapa do Camiño da Ría Muros Noia. No acto participaron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, que tamén ten delegadas as competencias de Turismo; a técnica do departamento de Turismo, Sonia Moure, o profesor do Ciclo superior de Técnicas da Escultura da EASD Mestre Mateo, Óscar Aldonza Torres; e catro alumnas/os da Escola que participaron na elaboración de dita escultura. Tamén estiveron no acto moitos/as dos/as concelleiros/as da Corporación municipal; o presidente de XEA, Jorge López, e maila xerente de dita asociación, Beatriz López.

Segundo pon na placa da escultura a obra recibe o nome de “Muro de auga” e trátase dunha obra colectiva realizada polo alumnado do Ciclo superior de Escultura (curso 2022-2023). A peza foi doada pola EASD Mestre Mateo ao Concello de Ames. A primeira parte da escultura está feita con granito tallado e as dúas partes restantes superiores foron elaboradas con cerámica. As dúas pezas de cerámica son de arxila refractaria que foron esmaltadas polos propios alumnos/as da Escola. Dita escultura representa o mar.

O pasado 15 de decembro de 2020 o Camiño da Ría de Muros e Noia acadou o recoñecemento do Cabildo da Catedral de Santiago, despois de tres anos de investigacións. Esta Ruta Xacobea, que permite combinar a navegación cun tramo a pé, transcorre polos municipios de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión e Ames. O noso concello convértese, polo tanto, na última etapa cara Compostela.

A localidade de Bertamiráns é o punto de partida do último tramo do Camiño de Santiago da Ría Muros Noia. Este camiño, que conxuga mar e montaña, ofrece a posibilidade de realizar unha peregrinación marítima, para o que hai que realizar 90 millas náuticas e 12 quilómetros a pé. A través de dita escultura márcase o inicio da última etapa do Camiño da Ría Muros Noia.

Con esta ruta son tres os Camiños de Santiago que discorren polo concello de Ames: o Portugués, o de Fisterra e o recentemente oficializado de Muros e Noia. Deste xeito, polo termo municipal de Ames atravesan os peregrinos que escollan o Camiño Portugués para chegar a Compostela, aqueles que logo de visitar Compostela decidan continuar ata Fisterra e os que se decanten pola ruta da Ría de Muros e Noia.

Presentación da escultura
O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, agradeceu o traballo e a implicación no proxecto do alumnado e o profesorado da Escola, así como que cedesen desinteresadamente a creación ao Concello. Ademais, explicou que o tótem “vén a indicarnos o punto de inicio da última etapa do camiño da ría de Muros Noia. Foi unha proposta de Óscar Aldonza, ao que lle explicamos cal era a temática que queríamos que tivera, e coa que se acertou plenamente. Entendemos que esta obra, dentro de non moito tempo, vaise a ver por moitos sitios, non só de España, senón do resto do mundo, porque os diversos Camiños de Santiago seguen en auxe”. Así mesmo, animou aos deseñadores da escultura a que “non cesen na súa creación e sigan adiante”.

Pola súa banda, o profesor a cargo do proxecto, Óscar Aldonza, aproveitou para “agradecer ao Concello de Ames a oportunidade que nos deu de mostrar publicamente o traballo do alumnado, que é o futuro. Grazas a estas iniciativas, xa é tamén o presente das artes e da escultura. Sen o recibimento e a liberdade que nos deron, esta obra non sería posible”. Sinalou, ademais, que “temos un alumnado marabillosamente implicado, que lle dedicou moitísimas horas de traballo. Apostaron pola idea que eu lles transmitía, e foi un proxecto colectivo precioso no que todos participamos por igual”.

Rematou a rolda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García, que destacou que “esta é a primeira escultura que inauguramos en Ames nos últimos tempos. Quero agradecerlle a Óscar a deferencia de poñerse en contacto co Concello de Ames para poder facer esta colaboración, e á que probablemente sexa a parte máis importante deste proxecto, os alumnos e alumnas de escultura da Escola de artes”. Por outro lado, explicou que “unha das nosas apostas importantes son os Camiños de Santiago. O Concello de Ames é o único concello que conta con tres camiños, e creo que temos que poñer en valor a cantidade de peregrinos que pasan por aquí. Colocamos a escultura neste parque porque queremos que sirva de punto de partida para todos aqueles que fagan o camiño marítimo”.

Camiño dende Bertamiráns
Son 12 os quilómetros que separan Bertamiráns da praza do Obradoiro, en Compostela. O camiño polo concello transcorre entre estradas locais e agradables paisaxes onde se alternan os bosques e os cultivos.

O trazado entra no noso concello pola aldea de Carballido para continuar polo lugar de Cantalarrana, dúas aldeas tras as cales se abre paso o núcleo de Bertamiráns. Dende esta localidade a ruta lévanos cara a Condomiña para adentrarnos na parroquia de Ortoño, un lugar simbólico onde Rosalía de Castro pasou parte da súa infancia. Na aldea da Tarroeira encontramos o domicilio da familia paterna da poeta e onde en 1923 se fundou o Seminario de Estudos Galegos. Continuando o camiño os peregrinos poderán desfrutar do cruceiro e da igrexa de san Xoán de Ortoño situada no lugar do Santo.

Pasado Ortoño o camiño entra na parroquia de Bugallido concretamente percorrendo as aldeas de Mourigade, Outeiro e Barreiro. Neste tramo os camiñantes poderán gozar dunha paisaxe que mestura as vivendas cos campos de cultivo. A aldea de Mourigade destaca polas vivendas rehabilitadas a partir de construcións antigas e os vellos muros que as rodean. Coa chegada á aldea de Barreiro mergullámonos nun tramo de bosque onde a natureza e a tranquilidade nos acompañan ata a fin do termo municipal, que abandonaremos pola aldea de Fraiz, na parroquia de Biduído.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Bertamiráns reivindícase como comezo da derradeira etapa do Camiño da Ría Muros Noia"

Imaxe da presentación da nova escultura que marca o inicio da última etapa do Camiño da Ría Muros Noia

Multimedia

  • Imaxe da presentación da nova escultura que marca o inicio da última etapa do Camiño da Ría Muros Noia
  • Imaxe da presentación da nova escultura que marca o inicio da última etapa do Camiño da Ría Muros Noia
  • Imaxe da presentación da nova escultura que marca o inicio da última etapa do Camiño da Ría Muros Noia
  • Imaxe da presentación da nova escultura que marca o inicio da última etapa do Camiño da Ría Muros Noia
  • Imaxe da presentación da nova escultura que marca o inicio da última etapa do Camiño da Ría Muros Noia