Solapas principales

O Concello de Ames colabora na recollida de material para os afectados pola erupción do volcán na Palma

Jueves, 21 de octubre de 2021

Os voluntarios de Protección Civil do Concello de Ames colaboran coa recollida de produtos hixiénicos de primeira necesidade para os afectados pola erupción do volcán Cumbre Vieja organizada pola Asociación Nacional de Protección Civil. A recollida vaise realizar o xoves 21 e o venres 22 no Milladoiro e en Bertamiráns. Ademais, onte pola tarde o alcalde de Ames, a concelleira de Promoción Económica, voluntarios de Protección Civil e representantes de XEA mantiveron unha videoconferencia co Presidente da Agrupación de Protección Civil de Santa Cruz de La Palma para establecer as necesidades da agrupación e manter unha canle de axuda activa.

A Concellaría de Promoción Económica a as tres Asociacións de Comerciantes do Concello de Ames colaboran con Protección Civil na recollida de material para os afectados pola erupción do volcán Cumbre Vieja. Cando se cumpre un mes da erupción do volcán e se teñen claras as necesidades ponse en marcha esta recollida de produtos hixiénicos en Ames, organizada pola Asociación Nacional de Protección Civil.  Na provincia da Coruña habilitáronse tres puntos de recollida, un deses puntos está no Concello de Ames.

Os voluntarios de Protección Civil do Concello de Ames son os encargados de organizar e xestionar a recollida no noso concello. A recollida, organizada por Protección Civil en colaboración coas tres Asociacións de Comerciantes, terá lugar o xoves 21 e o venres 22.  Xea estableceu tres puntos de recollida en Bertamiráns e outros tres no Milladoiro. En Bertamiráns vaise recoller material en Papelería Chavián, na Avenida da Maía 44; en Queen, na Praza da Maía 4  e en T3, na Avenida da Maía 84. No Milladoiro a recollida terá lugar en Careva, situada na rúa da Cruxa 6; en JM Seguros, rúa Viorneira-e na Asociación de empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, rúa Palmeiras 19.

Ao longo destas dúas xornadas vanse recoller produtos hixiénicos de primeira necesidade como cueiros, compresas, toalliñas, xel, champú, pasta de dentes, cepillos de dentes ou xabóns. Ademais, estase traballando para realizar unha recollida o venres en varios supermercados de Bertamiráns e do Milladoiro.

Unha vez finalizada a recollida os voluntarios de Protección Civil van realizar un traballo de inventariado, clasificación e embalaxe. Despois todo o material recollido vai ser enviado por mar a semana que vén aos afectados pola erupción do volcán Cumbre Vieja.

O concello de Ames converteuse, ademais, no punto de almacenamento da zona sur da provincia da Coruña. Ata o noso concello chegou o material recollido nos concellos de Negreira, Teo, Boimorto ou Santiso. Ata o de agora son aproximadamente dúas toneladas as almacenadas en Ames, entre as, que encontramos material escolar, produtos hixiénicos, alimentos non perecedoiros e roupa.

Videoconferecia coa Agrupación de P.C. de Santa Cruz da Palma
A maiores, onte pola tarde, o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, o Presidente da Asociación de Voluntarios de Protección Civil de Ames, Juan Crespo; o membro de Protección Civil, Roberto Amarelle e a representante  de XEA, Beatriz López mantiveron unha videoconferencia co Presidente da Agrupación de Protección Civil de Santa Cruz de La Palma.

Nesta xuntanza Alexis Fernández explicoulles cal é situación actual na Palma e como está a ser o traballo dende que o domingo 19 o volcán Cumbre Vieja entrara en erupción. Dende o primeiro día as agrupacións de Protección Civil da Palma foron convocadas para iniciar un plan de emerxencia. A Agrupación de Santa Cruz de La Palma, concretamente, está formada por 15 voluntarios aos que cada día se suman 12 voluntarios. Fan tarefas de acompañamento a vivendas, noria de vehículos, regadío de plantacións, alimentan os animais, limpeza e un logo etcétera.

Alexis contaba como a xornada de onte foi moi intensa. A lava chegou ao barrio da Laguna e ao seu paso destruíu o centro da cidade, unha estación de servizo e un colexio. Os voluntarios de Protección Civil tiveron que traballar arreo nesta nova xornada en que a lava avanzou devorando canto atopaba ao seu paso. O día a día é moi duro, contaba Alexis “o martes estivemos traballando nunha zona e cando volvemos hoxe desaparecera por completo. Volvemos á casa sobrecargados coa situación que vivimos cada xornada tanto de traballo como do sufrimento dos veciños e das veciñas”.

Dende a Agrupación de Protección Civil de Santa Cruz de La Palma comentan, ademais, que a illa está colapsada. De aí que dende a Agrupación Nacional de Protección Civil se fixese un intenso e arduo traballo de clasificación e recollida para enviar o que se precisa neste momento.

O Concello de Ames anuncia que se farán máis campañas de recollida segundo se coñezan as necesidades dos afectados pola erupción do volcán Cumbre Vieja. O alcalde de Ames, Blas García, apuntaba “o concello de Ames sempre foi un pobo solidario e o imos a seguir sendo, e non dubido que colaboraremos dunha maneira importante cos veciños e veciñas da Palma”. Ademais García aproveitou a ocasión para trasladarlle o seu ánimo e apoio a todos os afectados.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Continúa la recogida de productos para La Palma"

AMSGO!: "Solidariedade local con La Palma"

O Concello de Ames colabora na recollida de material para os afectados pola erupción do volcán na Palma

Multimedia

  • O Concello de Ames colabora na recollida de material para os afectados pola erupción do volcán na Palma
  • O Concello de Ames colabora na recollida de material para os afectados pola erupción do volcán na Palma