Solapas principales

O Concello de Ames celebra este venres a XVI Gala do Deporte na Casa da Cultura do Milladoiro

Lunes, 15 de abril de 2024

A Concellaría de Deporte celebra este venres, 19 de abril, a décimo sexta edición da Gala do Deporte, un evento no que se homenaxeará tanto aos e ás deportistas máis destacados/as do concello, como ás diversas entidades deportivas. O acto terá lugar ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e será presentado polos xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño. Ademais, ofreceranse distintos espectáculos e animacións.

O Concello de Ames organiza a décimo sexta edición da Gala do Deporte, que se celebrará este venres, 19 de abril, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Os xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño serán os encargados de presentar o evento. Polo momento, non se coñecen os gañadores, e tan só se fixeron públicos os finalistas de cada categoría.

Os premios que se entregarán son os seguintes: deportista ou equipo máis destacado dun club de Ames, promesa masculina máis destacada, promesa feminina máis destacada, deportista masculino máis destacado, deportista feminina máis destacada e club máis destacado. Así mesmo, como vén sendo habitual, hai unha categoría reservada ao premio do público, que puido votar ata este xoves a medianoite polo/a seu deportista favorito/a: Belén Fernández, Guillermo Carracedo, Nuria Rábano, Tariku Novales, Blanca Millán ou Pablo Hernández. Os gañadores dos galardóns serán desvelados na propia gala, que os espectadores tamén poderán desfrutar de diversos espectáculos.

Deportistas e equipos máis destacados dun club de Ames
No referente á categoría do mellor deportista/equipo dun club de Ames optan ao premio o primeiro equipo do F.C. Meigas, a xeración do 2009 do Bertamiráns F.C. e Irene Enríquez, do Club de Patinaxe Artística Omega.

No caso do F.C. Meigas, na tempada 2022-23 foi campión da Liga Preferente Autonómica (3a División Nacional), rematando como o equipo máis goleador e o menos goleado. Ademais, gañou o play off de ascenso a 2a División Nacional, e logrou ascender como o equipo máis goleador cun total de 13 goles. Actualmente son o primeiro equipo amesán en xogar na 2ª división nacional e están en postos de clasificación para disputar a Copa da Raíña 2024.

Pola súa banda, os xogadores dda xeración do 2009 do Bertamiráns F.C. encadearon o ascenso a Liga Galega Infantil na temporada 2021-22 co ascenso a División de Honra Infantil na tempada 2022-23.

Por último, Irene Enríquez, do Club de Patinaxe Artística Omega, tamén tivo un percorrido  destacado e regular ao longo do ano 2023. Comezou acadando o 5º posto no seu primeiro campionato, o Trofeo Deputación de discos curtos celebrado no mes de abril. En maio acadou o 3º posto no Campionato provincial da Coruña e, no mes xuño, obtivo o bronce no Campionato Galego, o que lle permitiu participar no Campionato de España no que rematou na 11ª posición.

Promesas masculinas e femininas máis destacadas de Ames
Na categoría de promesa masculina más destacada de Ames están nominados Jorge Sanmartín Villanueva, Nicolás Collazo Santamaría e Álex García Camiño; mentres que para a feminina as finalistas son Antía Veiga Caramés, Uxía Penas Atanes e Mara Prieto Mariño.

No caso de Jorge Sanmartín, patinador artístico de 16 anos, comezou o ano 2023 participando na competición de clasificación para a categoría nacional; nel logrou obter a máxima categoría en 1ª posición. Durante a pasada tempada, foi o terceiro clasificado no Campionato Copa de Europa celebrado en Croacia, obtivo o ouro no Campionato Preselección Provincial de Ribeira, e o foi o segundo clasificado tanto no Campionato Provincial como no Campionato Galego. Ademais, obtivo a sexta posición no Campionato de España.

Por outro lado, Nicolás Collazo, que ten 16 anos e forma parte do club Ames Atletismo, quedou subcampión galego de sub18 de 5.000 metros marcha e competiu como membro da Selección Galega de marcha atlética. Así mesmo, en pista acadou o 1º posto no encontro de segunda división nacional no 5000 marcha, foi bronce galego absoluto no 5000 marcha e subcampión galego sub 18 no 5000 marcha de promoción de inverno. Por outra banda, en ruta acadou o 8º posto de finalista no campionato de España sub 18 de promoción de inverno no 5000 marcha, e foi subcampión galego sub 18 no 10.000 marcha en ruta.

Álex García, de 14 anos de idade, forma parte do Motoclub Ameixenda. No 2023 foi campión da Crono Racing League en categoría Élite a nivel autonómico, e na modalidade de Mini Enduro proclamouse campión galego Open Deporte Federado.

En canto ás promesas femininas, Antía Veiga, futbolista de catorce anos, foi nominada pola súa traxectoria como porteira. Xogou no Bertamiráns FC desde os 4 anos onde, no 2023, acadou o ascenso á División de honra Infantil. Na tempada 2023-24 incorporouse ás filas do fútbol base do RC Deportivo da Coruña. No 2023 quedou campioa de España sub-15 da Fase Plata coa Selección Galega. Actualmente adestra co equipo do Depor B e compite coas categorías inferiores das categorías xuvenil e cadete, e foi convocada coa Selección Española de Fútbol sub-16 para o Torneo Desarrollo UEFA en Irlanda do Norte.

Tamén está nominada Uxía Penas, xogadora do FC Meigas de 18 anos. Durante tempada 2022-23 foi a porteira menos goleada da Preferente Autonómica (3ª División Nacional), Campioa de Liga Preferente Autonómica (3a División Nacional), e gañadora do Play Off de ascenso a 2ª División Nacional. Actualmente é porteira titular en 2ª División Nacional,e o seu equipo está en postos de clasificación para a Copa da Raíña 2024

A última finalista, Mara Prieto Mariño, ten 11 anos e xoga ao squash. Resultou clasificada na primeira posición no Campionato Galego sub11 e sub15. Ademais, foi bronce en sub 11 no Campionato de España Sub 11 e Sub 15. Por outra banda, foi prata na Copa de España squash Sub 13, bronce en sub 15 tanto na Copa ibérica de squash como na Copa Ibérica Porto-Portugal, e cuarta en sub 13 no Portuguese Junior Open-Porto e no Spanish Junior Open-Madrid, ambas probas do circuíto júnior europeo.

Deportistas masculinas e femininas máis destacadas de Ames
Na categoría masculina de deportistas destacados son finalistas Pablo Hernández Montenegro, Guillermo Carracedo Robelo e Tariku Novales, mentres que na feminina figuran Nuria Rábano Blanco, Belén Fernández Milán e Blanca Millám Modía.

Dunha banda, Pablo Hernández Montenegro, xogador de baloncesto, na tempada 2022-2023 xogou na máxima categoría da liga islandesa co Thor Thorl, onde promediou 13.2 puntos e 6 rebotes. Actualmente xoga como alero e ala-pivot co Club Basquet Coruña na Liga LEB Ouro. Na tempada actual promedia 7’37”, 1,5 puntos e 1,2 rebotes por partido, estando o seu equipo 1º clasificado e con posibilidades de subir a ACB.

Así mesmo, tamén está nominado Guillermo Carracedo Robelo, que no 2023 foi campión de Europa e subcampión do mundo coa selección española de paddle surf. Ademais, proclamouse campión Galego e campión de España, e conseguiu entrar no top 5 o mundo individual no mundial ISA.

Tamén é candidato ao premio o atleta Tariku Novales, especialista en probas de fondo e media distancia. En novembro de 2023, no Maratón de Valencia, fixo historia ao bater o récord de España de Maratón, sendo o primeiro deportista do país en baixar das dúas horas e seis minutos, e fixando o novo récord en 2 horas 5 minutos e 48 segundos. Os resultados máis destacados do 2023 en probas ao aire libre foron un 12º posto no Campionato do Mundo de Maratón (Budapest ) e o 11º posto na Maratón de Valencia e  na Media Maratón de Madrid.

No tocante á categoría feminina, Nuria Rábano xoga como lateral esquerdo no club VfL Wolfsburgo, na Bundesliga (máxima categoría alemá) e na Champions League. Tamén foi internacional coa selección nacional absoluta feminina de España. No ano 2023, co FC Barcelona gañou a Liga de Campións 2022-23, o título de Primera División 2022-23 e a Supercopa 2023.

Polo seu lado, Belén Fernández, xogadora de fútbol sala, foi internacional en Fútbol 11 coa selección española nas categorías sub16, sub17 e sub19. Na tempada 2022-23 foi a  máxima goleadora da Preferente Autonómica (3ª División Nacional), con 47 goles en 27 partidos. Actualmente, é a pivot titular do FC Meigas en 2ª División, e está en postos de clasificación para a Copa da Raíña 2024.

Para finalizar, Blanca Millán é unha xogadora de baloncesto que xoga no Ensino Lugo Club de Baloncesto da Liga Feminina de Baloncesto (LF ENDESA), a máxima categoría do baloncesto feminino español. Xoga como escolta e na tempada actual promedia 23 minutos, 11 puntos e 4 rebotes por partido.

Club máis destacado de Ames
Na categoría do club máis destacado de Ames son finalistas o Club Patinaxe Sarela, o club Ames Atletismo e o equipo de baloncesto Basquet Ames.

Recoñecemento especial
Durante a gala tamén recibirán un recoñecemento especial Manuel Quintáns Pacheco e José Antonio Pampín Antelo, dous traballadores do departamento de Deportes do Concello de Ames que se xubilaron recentemente.

Manuel Quintáns traballou neste departamento desde comezos dos anos noventa ata a súa xubilación en decembro de 2023. Nese tempo, realizou funcións técnicas e de coordinación no departamento, iniciando e impulsando moitos dos programas que a día de hoxe seguen en marcha, coma por exemplo as escolas deportivas municipais ou a Carreira Pedestre Popular.

Pola súa banda, José Antonio Pampín foi conserxe do pavillón polideportivo do Milladoiro durante 18 anos. Durante ese período destacou pola súa responsabilidade e a implicación no seu traballo, solucionando eficazmente os problemas do día a día. Deixou unha enorme pegada e cariño nos usuarios /as do Pavillón durante os anos que desenvolveu o seu traballo.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Ames premiará este viernes a sus mejores deportistas"

O Concello de Ames celebra este venres a XVI Gala do Deporte na Casa da Cultura do Milladoiro