O Concello de Ames continúa avanzando no proceso de fortalecemento e ampliación da estrutura de persoal de Augas de Ames EPEL, entidade pública empresarial dependente do Concello de Ames e encargada da xestión directa dos servizos públicos que conforman o Ciclo Integral da Auga (CIA) no municipio. As convocatorias para cubrir unha praza de técnico/a de xestión e outra de oficial 1ª de servizos xa foron publicadas no BOP e na páxina web de Augas de Ames e pasarán a publicarse no DOG e posteriormente no BOE.
Neste marco, o Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou o pasado 18 de agosto as convocatorias e bases reguladoras de dous novos procesos selectivos para a incorporación de persoal a Augas de Ames: unha praza de técnico/a de xestión, en réxime de funcionario/a de carreira, e unha praza de oficial 1ª de servizos, como persoal laboral indefinido. Ambas as prazas están incluídas na Oferta de Emprego Público de Augas de Ames correspondente ao ano 2026.
A incorporación destas dúas prazas forma parte da aposta do Concello de Ames por seguir facendo medrar Augas de Ames EPEL, ampliar a súa plantilla e consolidar progresivamente unha estrutura de persoal adecuada ás necesidades do servizo, avanzando ao mesmo tempo na definición e completado do organigrama da entidade.
A creación e cobertura destes postos permitirán continuar reforzando tanto as capacidades de carácter técnico e de xestión, como os recursos destinados ao ámbito operativo, nunha entidade que ten entre as súas funcións a prestación e xestión directa dos servizos que integran o Ciclo Integral da Auga de Ames. As bases sinalan expresamente que o persoal seleccionado desenvolverá as súas funcións no marco das competencias propias de Augas de Ames na xestión destes servizos.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, concellería á que se adscribe a EPEL, Gustavo Nieto, informa “imos seguir traballando para completar progresivamente a estrutura de Augas de Ames e consolidar unha entidade pública con capacidade suficiente para afrontar os retos que ten por diante. O obxectivo último é claro: garantir a calidade e continuidade dun servizo básico como é o da auga”.
Dúas novas incorporacións para reforzar a estrutura da entidade
A primeira das convocatorias corresponde a unha praza de técnico/a de xestión, con xornada completa, clasificada no grupo A, subgrupo A2, na escala de administración xeral e subescala de xestión. O proceso selectivo desenvolverase mediante o sistema de concurso-oposición e, ademais da cobertura definitiva da praza, a convocatoria permitirá crear unha bolsa de emprego temporal de técnico/a de xestión para futuras necesidades de cobertura temporal de postos equivalentes.
A segunda convocatoria corresponde a unha praza de oficial 1ª de servizos, tamén a xornada completa, como persoal laboral indefinido e encadrada no grupo profesional 2, nivel A. Neste caso, o proceso selectivo tamén se desenvolverá mediante concurso-oposición.
Deste xeito, o Concello de Ames e Augas de Ames continúan avanzando nunha política de crecemento ordenado da plantilla, orientada a reforzar e completar a estrutura organizativa da entidade, incorporando os perfís profesionais necesarios para acompañar o seu crecemento e afrontar con garantías os retos actuais e futuros da xestión do Ciclo Integral da Auga.
O alcalde de Ames e presidente de Augas de Ames, Blas García, manifesta que “queremos dar os pasos para ampliar a capacidade organizativa e de persoal, e consolidar unha plantilla máis completa, estable e adaptada ás necesidades dunha entidade responsable dun servizo público esencial como é o Ciclo Integral da Auga”.
Publicación no BOP, DOG e BOE e na páxina web de Augas de Ames
As convocatorias e os textos íntegros das bases xa foron publicados no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o 18 de agosto de 2026 e na páxina web de Augas de Ames. O seguinte paso será a publicación dos anuncios no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, posteriormente, no Boletín Oficial do Estado (BOE), tal e como establecen as propias bases.
É importante sinalar que o prazo para presentar as solicitudes de participación non comeza coa publicación no BOP nin coa publicación no DOG, senón ao día seguinte da publicación do anuncio correspondente no BOE.
A partir desa data, as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes, dispoñendo dun prazo de 20 días naturais, segundo establecen as bases de ambas as convocatorias.
As solicitudes deberán presentarse, con carácter xeral, a través do rexistro electrónico da Sede Electrónica do Concello de Ames, dirixidas ao departamento de Alcaldía, na súa condición de presidencia de Augas de Ames EPEL, sen prexuízo das demais formas de presentación previstas na normativa administrativa.
Proceso para a cobertura definitiva dunha praza de oficial 1ª de servizos
Estas dúas novas convocatorias súmanse ao proceso selectivo que Augas de Ames ten actualmente en marcha para a cobertura doutra praza de oficial 1ª de servizos, proceso no que está pendente a publicación da resolución provisional da listaxe de persoas admitidas e excluídas.
Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes correspondente a ese proceso, as bases establecen a publicación da resolución coa lista provisional de persoas admitidas e excluídas, indicando, de ser o caso, as causas de exclusión e abrindo o correspondente prazo para a presentación de emendas ou reclamacións.
A xerente de Augas de Ames, Genma Otero, expón “Augas de Ames xa leva case dous anos e medio funcionando e somos coñecedores das necesidades de persoal e por iso imos completando progresivamente o organigrama da EPEL, reforzando as diferentes áreas coa finalidade de garantir unha prestación de servizos de calidade e dar resposta ás demandas dos abonados/as”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "O Concello amplía a estrutura de Augas de Ames coa convocatoria de dous postos"
La Voz de Galicia: "El Concello convoca dos plazas para ampliar el plantel de Augas de Ames"







