Solapas principales

O Concello de Ames asina un convenio de colaboración entre AMTEGA, as universidades galegas e FEGAMP para dispor da Rede CeMIT para facilitar a realización de exames universitarios

Martes, 02 de junio de 2020

O Concello de Ames ven de asinar un convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e a Federación Galega de Municipios e Provincias para dispor da Rede CeMIT para facilitar a realización dos exames correspondentes ao curso universitario 2019-2020.

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, ponse a disposición do alumnado universitario nestas circunstancias excepcionais para a realización das probas de avaliación. No caso de Ames, esta aula, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns e xestionada pola empresa Osventos Innovación en Servizos SL, está aberta e á disposición dos/as alumnos/as amesás para facilitarlle as probas de avaliación universitarias.

O horario no que a Aula CeMIT de Ames estará aberta para a realización destas probas é de  luns a venres de 9.30 a 13.30 horas.

Información para o alumnado interesado en acudir a Aula CeMIT

O alumnado interesado en acudir a unha aula CeMIT para a realización destas probas deberá rexistrarse como usuario/a da Rede CeMIT na web de CeMIT premendo no botón “Alta nova/o usuaria/o” ou directamente premendo neste enlace . Ao finalizar o proceso remitirase un correo electrónico coa confirmación da alta e o nome de usuario e o contrasinal.

Para solicitar a reserva de praza para poder realizar o exame débense de realizar estes trámites cun tempo de anticipo. Así, accedese a este enlace e incluír o buscador “Conectividade - Exame para universitari@s” e premer na lupa para buscar. Tamén se pode filtrar por centro, localidade, etcétera.

Unha vez atopada a convocatoria de exame na localidade, día e hora correcta, seleccionar o botón “Reservar” (a opción estará habilitada sempre que haxa prazas dispoñibles). Introducindo o usuario e contrasinal facilitados no correo electrónico durante o proceso de alta anterior e premer en “Solicitude de inscrición” (recibirase un correo cunha notificación coa solicitude de matrícula). Posteriormente, só queda esperar a que o responsable da aula CeMIT acepte a solicitude.

Información para presentarse posteriormente na aula

Aceptada a solicitude, o/a alumno/a presentarase na aula coas medidas de seguridade recomendadas: mantendo as distancias de seguridade de 2 metros, emprego de luvas e máscara e hixiene de mans. A máscara, luvas e demais medidas de protección serán por conta do alumno/a.

Ademais o alumno/a deberá levar o equipamento propio para a realización do exame: portátil, tablet ou o dispositivo que dispoña dos requirimentos necesarios para realizar o exame e co teléfono móbil para poder darse de alta para o uso da rede wifi da Xunta de Galicia.

Importante ter en conta que o alumno/a debe de chegar con 30 minutos de adianto á proba do exame para poder conectar á rede o equipamento e facer as comprobacións oportunas. No caso de que a proba a realizar conteña audio, o alumnado levará auriculares para non molestar ao resto de usuarios. Para calquera aclaración ou problema pódese contactar con Oficina CeMIT no correo cemit@xunta.gal ou no teléfono 981 910 359.

No caso de querer ter máis información da Aula CeMIT de Ames en concreto, pódese chamar ao axente TIC responsable (Jesús Domínguez) no teléfono 682 373 753 ou enviar un correo a cemit.ames@xunta.gal.

Aula CeMIT de Ames