A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado xoves, 2 de xullo, a concesión de axudas relativas á promoción do comercio local do exercicio 2026. O obxectivo destas subvencións é a de favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas no seo das asociacións de comerciantes e profesionais do concello de Ames, que estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal. Deste xeito, concédense tanto axudas para a promoción comercial como para infraestruturas. As asociacións beneficiarias son a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, entre as que se repartirán un total de 30.810,83 euros.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, traballa na dinamización e fortalecemento do comercio local. Unhas das medidas é a convocatoria de axudas para a promoción do comercio no concello. Os obxectivos que se perseguen con esta liña de axudas son aproximar ao comercio amesán o maior número posible de clientes, empregando os colectivos como instrumento para acadar esta finalidade e, ademais, mellorar a calidade da actividade comercial do concello.
Outros dos obxectivos é fomentar a existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio dentro do ámbito territorial do concello, programada e desenvolvida polas entidades asociativas do sector, e na que a administración municipal represente un papel secundario, tanto na elección do tipo de actividades a realizar, como na súa posta en práctica e no seu financiamento.
Para a consecución destes obxectivos estratéxicos, establécense as seguintes liñas de actuación, ou obxectivos secundarios: primar actividades abertas á participación do comercio en xeral, e non só aos membros de cada un dos solicitantes; e acadar o autofinanciamento das entidades, primando a aquelas que acheguen unha maior porcentaxe de fondos propios ao desenvolvemento das súas actividades.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “esta liña de axudas ten como obxectivo axudar e impulsa ao comercio local, destinando unha subvención directa aos colectivos de comerciantes e profesionais particulares do concello. Deste xeito, poderán ter máis recursos e facilidades para continuar impulsando a actividade económica de Ames, reforzando así o tecido empresarial xunto coa oportunidade de crear emprego para a veciñanza amesá”.
Reparto das axudas
A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión definitiva das axudas para a promoción do comercio local previstas na convocatoria de 2026 ás entidades Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro. A Xuntanza de Empresarios de Ames recibirá 24.453,22 euros, mentres que a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro disporá de 6.357,61 euros.
Estes importes de achegas divídense entre as dúas liñas do seguinte xeito: a Xuntanza de Empresarios de Ames recibirá 21.802,25 euros dentro da liña 1 de promoción comercial e 2.650,97 euros dentro da liña 2 de infraestruturas. Por outra banda, a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro disporá de 5.532,17 euros dentro da liña 1 de promoción comercial e 825,44 euros dentro da liña 2 de infraestruturas.
Deste xeito, da achega total de 30.810,83 euros, a contía de 27.334,42 euros correspondente a liña 1 de promoción comercial e 3.476,41 euros son da liña 2 de infraestruturas.
Na actualidade, aprobouse o pagamento anticipado do 50% da contía total a cada subvención: 12.226, 61 euros á Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), e 3.178,80 euros á Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames aprueba la concesión de 30.000 a dos asociaciones para la promoción del comercio local"
La Voz de Galicia: "Ames concede 30.810 euros en ayudas para la promoción del comercio local"
Bisbarra: "Ames aproba a concesión de 30.810 euros en axudas para a promoción do comercio local"





