O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, recomenda seguir facendo un uso responsable da auga ante o nivel de prealerta por seca decretado pola Xunta de Galicia o pasado 11 de agosto. Esta mañá o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, mantivo unha xuntanza co seu homólogo da capital galega, Xesús Domínguez, co obxectivo de coñecer o estado da captación de auga no municipio compostelán que afecta tamén ao concello de Ames.
O Concello de Ames lembra que as medidas extraordinarias adoptadas no pasado mes de xullo continúan vixentes e que, entre outras cuestións, está prohibido o rego de xardíns, hortas, céspedes e zonas verdes; o enchido de piscinas; o lavado de vehículos; e a limpeza de beirarrúas, patios, fachadas e outros espazos exteriores con auga da rede de abastecemento.
A pesar das choivas que se agardan para esta semana, desde a Concellaría de Obras e Servizos Básicos, recoméndase seguir facendo un uso responsable da auga ante o nivel de prealerta por seca decretado pola Xunta de Galicia o pasado 11 de agosto. Desde o Concello de Ames agradécese a colaboración da veciñanza e lémbrase que pequenos xestos individuais teñen un impacto colectivo decisivo, especialmente nun contexto de maior presión sobre os recursos hídricos e de incremento das temperaturas durante a época estival.
O concelleiro de Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e o seu homólogo da capital galega, Xesús Domínguez, mantiveron unha xuntanza esta mañá para falar do estado da captación de auga no municipio compostelán. Cómpre destacar que parte da auga consumida en Ames pasa previamente por Santiago de Compostela, polo que a captación que se realiza en Santiago afecta directamente ao concello de Ames. En dita xuntanza tamén participaron o técnico municipal do ciclo integral da auga, Esteban de la Fuente; e a enxeñeira xefa de Augas de Ames, Verónica Castro.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, agradece a implicación da veciñanza amesá e lembra que pequenos xestos individuais contribúen a un beneficio colectivo, especialmente no contexto deste verán con altas temperaturas e maior demanda de recursos hídricos.
Medidas de obrigado cumprimento
A auga é un ben común e limitado, polo que desde o Concello de Ames vólvese facer un chamamento a todas as veciñas e veciños para facer un uso racional e responsable da mesma, especialmente durante este período de maior demanda.
Por todo isto, as seguintes medidas son de obrigado cumprimento e manteranse vixentes ata novo aviso, polo que quedan prohibidos os seguintes usos da auga da rede de abastecemento:
-Rego de xardíns, hortas, céspedes e demais zonas verdes.
-O enchido de piscinas.
-O lavado de vehículos.
-A limpeza de beirarrúas, patios, fachadas e outros espazos exteriores con auga da rede.
-Calquera outro uso non esencial da auga potable que poida supoñer un consumo elevado.
Estas medidas teñen como obxectivo preservar un recurso esencial e garantir o abastecemento de auga a toda a veciñanza.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Reunión entre Ames y Santiago por la sequía: se mantienen todas las restricciones"
Diario de Santiago: "O Concello de Ames anima á veciñanza a seguir facendo un uso moderado da auga ante o nivel de prealerta por seca"





