Solapas principales

O Concello de Ames adxudica o contrato do servizo de mantemento do alumeado público por 543.218 euros

Lunes, 24 de agosto de 2026

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do servizo de mantemento preventivo, correctivo e técnico legal do alumeado público do concello de Ames. Dito contrato foi adxudicado á empresa Sociedad Española de Construcciones Eléctricas SA por un importe total de 543.218,71 euros (IVE incluído). O contrato terá unha duración de tres anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prórrogas).

O obxecto do presente contrato é a prestación do servizo de mantemento, tanto preventivo e correctivo como técnico legal, das instalacións de alumeado público do concello de Ames. O servizo prestarase en toda a instalación de alumeado público e iluminación monumental de titularidade municipal. Exemplos destes emprazamentos son prazas, rúas, vías urbanas, parques, aparcadoiros e outras áreas ao aire libre e de libre acceso. 

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “durante os últimos anos o Concello de Ames apostou polo aforro enerxético co cambio a LED, primeiro das luminarias do Milladoiro, despois co cambio das luminarias de todo o rural, e por último coas luminarias de Bertamiráns. Tras ditas actuacións foron arredor de 6.000 as luminarias que se cambiaron por tecnoloxía LED en todo o concello. Agora  imos a investir preto e 550.000 euros no servizo de mantemento preventivo, correctivo e técnico legal do alumeado público do concello”.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “o desenvolvemento tecnolóxico das instalacións de alumeado exterior fai que o mantemento deste tipo de instalacións sexa cada vez mais especializado. A introdución de iluminación LED, en substitución das lámpadas de descarga, os medios de elevación e de seguridade no traballo, entre outros aspectos, propician a necesidade de contratar por parte da administración unha empresa especializada nas labores de conservación e mantemento do alumeado exterior”.

Prestación do servizo
En canto ao alumeado festivo, a empresa adxudicataria deberá promover o abastecemento a eventos culturais, ociosos ou deportivos desenvolvidos principalmente nos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns, aínda que tamén de xeito esporádico nas demais parroquias de Ames. Este abastecemento será mediante a instalación de cadros eléctricos conectados á liña da distribuidora ou mediante grupos electróxenos subministrados pola empresa adxudicataria.

Do mesmo xeito, a prestación do servizo comprende o mantemento preventivo e o control da iluminación, o mantemento correctivo e o mantemento técnico legal. Ademais, tamén se contemplan outros servizos asociados, como o alumeado festivo, certificados, informes, presupostos, axudas e tramitacións.

O termo municipal conta actualmente cun total de 7.043 luminarias instaladas. Para efectos contractuais establécese como referencia o inventario oficial de 7.200 luminarias, que inclúe tamén as novas infraestruturas viarias e sendas peonís recentemente electrificadas, así como aquelas que se atopan en fase de planificación e que deberán integrarse progresivamente no sistema municipal de iluminación pública.

A empresa adxudicataria estará obrigada a manter os modelos, características e calidades dos equipos existentes, agás nos casos nos que os servizos técnicos municipais determinen a necesidade de substitución, actualización ou mellora.

A prestación do servizo ten os seguintes obxectivos:
-Asegurar a continuidade do servizo e o correcto funcionamento.
-Realizar as reparacións, substitucións ou reposicións necesarias; mantendo tanto o nivel técnico dos equipos e compoñentes, como os actuais parámetros de calidade de alumeado.
-Asegurar o funcionamento seguro das instalacións de alumeado público ante posibles danos a persoas ou cousas.
-Instalación de cadros eléctricos para eventos culturais, sociais ou de outro tipo; asi como festas parroquiais.
-Subministro de grupos electróxenos para eventos.

O contrato recolle vehículos eficientes con etiqueta CERO ou ECO e o incremento do prazo de garantía de 1 ano en reparacións e de 2 anos no prazo de garantía en equipos e materiais novos instalados. Ademais, dito contrato recolle 220 horas anuais gratuítas por categorías profesionais: 50 horas de técnico de grao superior, 100 horas de oficial de primeira ou segunda, e 70 horas de peón.

O Concello de Ames adxudica o contrato do servizo de mantemento do alumeado público por 543.218 euros