Solapas principales

O Concello de Ames acolle o 28 de decembro o II Trofeo de Marcha en Ruta 2025

Jueves, 18 de diciembre de 2025

O Milladoiro acolle a segunda edición do Trofeo de Marcha en Ruta 2025 o próximo domingo, 28 de decembro, a partir das 10.45 horas, logo do éxito da primeira edición celebrada en marzo de 2024. A carreira terá un total de 5 categorías divididas por idades e con diferente distancia a percorrer, e puntuará para o circuíto galego de marcha atlética 2025. As inscricións xa están abertas na web da RFEA e pecharán o próximo luns 22 de decembro ás 20.00 horas. Para participar, é necesario ter a licenza de atleta en vigor pola FGA.

Tras o éxito da primeira edición, o Concello de Ames repite na organización deste Trofeo de Marcha en Ruta 2025. Unha proba dirixida a atletas federados pola Federación Galega de Atletismo (FGA) e que puntúa para o circuíto galego de marcha atlética da tempada 2025. A carreira celebrarase o próximo domingo, 28 de decembro, nun percorrido que recorrerá a contorna do Milladoiro.

O Trofeo terá un total de cinco categorías por idades: sub 10, cunha proba mixta de 1 quilómetro, ás 11.15 horas; sub 12, cunha proba masculina e outra feminina, ambas de 2 quilómetros, ás 10.45 e 11.00 horas, respectivamente; sub 14, cunha proba mixta de tamén 2 quilómetros, ás 11.30 horas; sub 16, cunha proba mixta de 3 quilómetros, ás 11.55 horas; e absoluta, tamén cunha proba mixta pero dun total de 5 quilómetros, ás 12.20 horas.    

Proceso de inscrición 
O proceso de inscrición para poder participar xa están aberto na páxina web oficial da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) e manterase dispoñible ata o próximo 22 de decembro ás 20.00 horas. Para poder participar, os atletas deberán ter a licencia en vigor da FGA. As solicitudes de inscrición fora de prazo deberán ser enviadas a competicion@atletismo.gal para a súa valoración. No caso de ser admitidas, levarán asociadas unha recarga de 10 euros por atleta. 

No caso de darse de baixa, esta deberá ser notificada antes do mércores, 24 de decembro, ás 14.00 horas ao correo electrónico competicion@atletismo.gal. Calquera baixa nas 48 horas previas ao inicio da competición ou a non participación final, levará asociada o cobro da cota de inscrición xunto cunha sanción de 5 euros por proba, salvo causa xustificada e acreditada por escrito á FGA a través do correo competicion@atletismo.gal antes de superadas as 48 horas dende o inicio da competición.

Cortes de tráfico rodado
Con motivo da celebración desta proba deportiva na contorna da área deportiva do Milladoiro, infórmase que estará prohibido estacionar o domingo, 28 de decembro, no aparcadoiro da área deportiva e da Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 8:00 a 15:00 horas. Ademais, as rúas  polas que transcorre dito campionato estarán cortadas ao tráfico en horario de 10:30 a 13:00 horas. As rúas afectadas son a Travesía do Porto, rúa dos Agriños, unha parte da rúa Palmeiras e unha parte da avenida Muíño Vello.

Novas relacionadas

Diario de Santiago: "O Concello de Ames acolle o 28 de decembro o II Trofeo de Marcha en Ruta 2025"

El Correo Gallego: "As festas de Nadal máis deportivas atópanse en Ames"

O Concello de Ames acolle o 28 de decembro o II Trofeo de Marcha en Ruta 2025

Multimedia

  • O Concello de Ames acolle o 28 de decembro o II Trofeo de Marcha en Ruta 2025