Solapas principales

O Concello de Ames abrirá un novo tramo de vía pública en Bertamiráns para conectar a rúa da Agra coa Travesía de Fontaldeiro e coa rúa da Fragua

Martes, 08 de septiembre de 2020

O Concello de Ames vén de asinar o pasado 18 de agosto un acordo co propietario das parcelas por onde discorrerá o novo tramo de vía pública que permitirá conectar a rúa da Agra coa Travesía de Fontaldeiro e coa rúa da Fragua, en Bertamiráns. Ademais, este cesión de terreo permitirá dotar a estas rúas de rede de pluviais. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar este pasado, 3 de setembro, o expediente de licitación do proxecto para dotar de rede de pluviais á Travesía de Fontaldeiro e á rúa da Agra, en Bertamiráns. O proxecto conta cun orzamento de execución por contrata de 174.050,47 euros (IVE incluído).

Dende a Concellaría de Obras e Servizos Básicos estiveron traballando para conseguir habilitar un novo tramo de vía pública en Bertamiráns co obxectivo de conectar a rúa da Agra coa Travesía do Fontaldeiro e coa rúa da Fragua. Isto materializouse o pasado 18 de agosto co acordo que subscribiu o Concello de Ames co propietario das parcelas por onde discorrerá dito viario. O novo tramo de vía que se abrirá o tráfico na Travesía da Agra contará cunha lonxitude de 100 metros e un ancho superior aos 7 metros, correspondendo a súa superficie coa cualificada polo planeamento xeral vixente coma viario público do núcleo urbano de Bertamiráns.

Ademais, dito acordo permitirá executar unha rede de pluviais para canalizar a gran cantidade de auga que se concentra na zona de actuación en momentos de elevada pluviosidade, podendo provocar danos no propio pavimento das rúas e nas vivendas próximas, así como situacións de perigo para a seguridade viaria.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “o acordo subscrito co propietario da parcela permitirá abrir un novo tramo de vía que conectará a rúa da Agra coa Travesía de Fontaldeiro e coa rúa da Fragua. Ademais, dotarase a este viario dunha rede de pluviais, xa que esta é unha zona que cando chove con gran intensidade, acumúlase unha grande cantidade de auga podendo provocar danos no propio pavimento das rúas e nas vivendas próximas, así como situacións de perigo para a seguridade viaria”.

Características da actuación
Instalarase unha rede pluviais de 255 metros en tubaxe de PVC Ø800 mm SN-4 e 195 metros, en tubaxe de PP Ø315 mm SN-8. A tubaxe de Ø800 contará con pozos de rexistro executados “in situ” de 1,2 metros de diámetro interior. Segundo a súa situación levarán sumidoiro ou non.

Na zona inicial da rede de pluviais executaranse dúas arquetas para colector de 800 metros con reixa de fundición. Este treito de rede conectarase á canalización de alivio existente no inicio da rúa da Agra. No canto da tubaxe de Ø315 milímetros executaranse arquetas sumidoiro e conectarase parte á rede anteriormente descrita e parte a rede feita en actuacións anteriores polo Concello no final da Travesía de Fontaldeiro.

Cando a tubaxe este situada na zona de cuneta da vía municipal executarase unha cuneta revestida de seguridade de 1,8 metros de anchura máxima, que permitirá a condución superficial das augas de escorrenta e a posibilidade de tránsito de peóns.

En canto as reposicións contémplase o acondicionamento das parcelas polas que discorre o trazado da rede, así como a reposición do firme das zonas afectadas e a reposición da sinalización horizontal e vertical afectada.

Tamén se contempla a execución dun muro de contención duns 45 metros que permitirá conter un treito de ampliación do viario existente para xerar prazas de aparcamento e unha zona de paso para os peóns.

Imaxe da rúa da Agra

Multimedia

  • Imaxe da rúa da Agra