Solapas principales

O Concello de Ames abre o prazo para solicitar os carnés de usuario/a das piscinas municipais descubertas

Viernes, 31 de mayo de 2019

O Concello de Ames abre este luns, 3 de xuño, o prazo para solicitar os carnés de usuario/a das piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro. Os interesados/as poden solicitar información e os impresos na Casa da Cultura do Milladoiro, no teléfono 981 535 940, ou na Oficina de Deportes de Bertamiráns (Casa do Concello), no teléfono, 619 842 504, en horario de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas. Tamén se pode descargar o impreso premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas. Dende o Concello recoméndase esta opción para non ter que facer colas debido ao elevado volume de solicitudes. O prezo dos carnés oscila entre os 5 e os 20 euros dependendo das circunstancias de cada usuario/a. O único requisito imprescindible para conseguir este carné é estar empadroado no Concello de Ames.

Ante a próxima apertura das piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro, o 15 de xuño, a Concellaría de Deportes abre este luns, 3 de xuño, o prazo para facerse co carné de usuario destas instalacións. Para solicitar a tarxeta de usuario é preciso presentar a solicitude cuberta, unha foto actualizada orixinal tamaño carné por cada usuario novo ou carné do ano anterior se fose o caso, e a folla de autoliquidación selada pola entidade bancaria. Esta última poderá solicitarse nas oficinas de recadación ou no correo electrónico ames@canaltributos.com. Os/as usuarios/as tamén poderán tramitar directamente a súa autoliquidación na páxina web municipal seguindo as instrucións anexas baixo o apartado de descargas.

Debido ao elevado número de solicitudes o Concello solicita que as/os usuarias/os eviten, na medida do posible, ter que acudir ás oficinas municipais e que se descargue a documentación desde a propia páxina web, así como solicitar a folla de autoliquidación por correo para despois facer o correspondente pago.

Para este verán, ofértanse varios tipos de abono: o familiar de tempada (no que se inclúen pais e fillos menores de 18 anos, e engadirá aos fillos menores de 25 anos cando estes non dispoñan de ingresos propios) que custará 20 euros; o individual para toda a tempada, de 14 euros, e o abono de tempada para menores de idade, de 7 euros. Tamén haberá abonos mensuais, de 7 euros para maiores de idade e de 5 euros para menores de 18 anos, ademais de facilidades para familias numerosas e con poucos recursos. Neste sentido, o terceiro irmán/a en abono, menor de 18 anos, terá unha redución do 50%. Os menores de 4 anos quedan exentos de pago.

Os interesados/as poden solicitar información e os impresos na Casa da Cultura do Milladoiro, no teléfono 981 535 940, ou na Oficina de Deportes de Bertamiráns (Casa do Concello), no teléfono, 619 842 504, en horario de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas. Tamén se pode descargar o impreso premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas. O único requisito imprescindible para conseguir o carné é estar empadroado no Concello de Ames.

A apertura das piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro está prevista para o 15 de xuño. Permanecerán abertas ata o 15 de setembro, en horario de 11.00 a 21.00 horas.

O Concello de Ames abre o prazo para solicitar os carnés de usuario/a das piscinas municipais descubertas