Solapas principales

O Concello colabora con Tecalis na celebración da Semana Verde Europea

Martes, 27 de octubre de 2020

Co gallo da EUGreenWeek, a Semana Verde Europea, a empresa Tecalis pediu colaboración ao Concello de Ames para ofrecerlle aos seus empregados algún detalle que axudara na conmemoración deste evento internacional. A concellaría de Transición Ecolóxica preparou unhas bolsas co compost que se elabora mediante os residuos das cociñas e comedores escolares amesáns, un bulbo de xacinto e un folleto explicativo sobre o xeito de sementalo e os coidados requiridos pola planta. Cada un dos corenta traballadores e traballadoras de Tecalis recibiron unha bolsa con estes agasallos.

Non é a primeira vez que Tecalis, empresa tecnolóxica con sede no Milladoiro e filiais en Madrid e California, propón accións deste tipo que axuden a concienciación medioambiental ou simplemente constitúan un pequeno detalle de agradecemento aos seus empregados polo empeño e e implicación nos retos laborais que afrontan cada día. Non en van, a empresa conta con áreas de “axilidade e felicidade para as familias” e entre o seu ideario de desenvolvemento prima o denominado “salario emocional”.

A resposta das traballadoras e traballadoras a esta iniciativa pódese ver claramente nas redes sociais. “Mira, pode parecer unha bobada, pero estes detalliños realmente non o son, recórdanlle a un que forma parte dun todo”, “ademais gústame que usedes o compost do concello porque obtense cos restos orgánicos dos comedores das escolas, así que as sobras da miña filla, probablemente alimenten o meu xacinto”, son algúns dos comentarios que se poden ler nas redes sociais.    

Para o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens iniciativas como esta poden axudar moito á hora de crear conciencia sobre a necesidade de coidar o medio: “Estas accións que propón Tecalis poden parecer un asunto menor, pero é paso a paso como se conseguen as cousas; non podemos esquecer aquel pensamento de Petra Kelly que falaba do acerto de pensar en global mentres se actuaba en local, o que quere dicir  que as accións pequenas son a base dos grandes cambios. Oxalá que moitas empresas sigan o seu exemplo. Para nós sempre é unha honra colaborar con eles e con todas aquelas empresas que nos suxiran cuestións semellantes”.

Con dez anos de vida, Tecalis consolidouse nun sector moi competitivo con proxectos de referencia e cunha política laboral na que prima o factor humano. A empresa presta servizo a outros negocios anovadores na resolución de problemas tecnolóxicos, desenvolvendo solucións de software para mellorar a experiencia do usuario e a automatización dos procesos dixitais. Está especializada no desenvolvemento de páxinas web e software empresarial a medida. Ademais ofrece solucións integrais para o lanzamento de proxectos web mediante campañas e estratexias de marketing dixital.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames facilita a Tecalis el regalo más natural: compost con bulbo"

Cartaz conmemorativo

Multimedia

  • Concelleiro de Transición ecolóxica, Manuel Lens
  • Produtos entregados polo Concello a Tecalis