Solapas principales

O Club de patinaxe Sarela organiza esta fin de semana o Campionato provincial libre de categoría nacional en Bertamiráns

Jueves, 29 de abril de 2021

O sábado 1 de maio e o domingo 2, celebrarase, no pavillón de Bertamiráns, o Campionato provincial de categoría nacional cadete, xuvenil, júnior e sénior de patinaxe artística libre individual. Nesta cita participarán as mellores patinadoras e patinadores da provincial da Coruña. O Club de patinaxe Sarela estará representado por Jorge Sanmartín (cadete), Inés Peña (cadete) e María Peña (júnior), pero a representación amesán é máis extensa con patinadores e patinadoras do Club de patinaxe Omega, do Milladoiro, e dúas nenas de Ames que pertencen ao Club Ágora Boqueixón e ao Club Compostela. Non estará permitida a asistencia de público a este evento deportivo debido ás restricións pola Covid-19.

Os/as 50 mellores patinadores/as da provincia da Coruña participarán, esta primeira fin de semana de maio, no Campionato provincial de categoría nacional cadete, xuvenil, júnior e sénior de patinaxe artística libre individual. O evento está organizado polo Club de patinaxe Sarela.

Na competición participarán varias rapazas e rapaces representando a Ames. O Club de patinaxe Sarela estará representado por Jorge Sanmartín (cadete), Inés Peña (cadete) e María Peña (júnior), pero a representación amesán é máis extensa con patinadores e patinadoras do Club de patinaxe Omega, do Milladoiro, e dúas nenas de Ames que pertencen ao Club Ágora Boqueixón e ao Club Compostela.

O evento celebrarase no pavillón de Bertamiráns. O sábado 1 maio será a competición dos programas curtos e o domingo, día 2, será a quenda dos programas longos. Este campionato é clasificatorio para o Campionato galego que terá lugar en xuño.

Ademais do Club de patinaxe Sarela, de Bertamiráns, e do Club de patinaxe Omega, do Milladoiro, participarán outros 11 clubs da provincia da Coruña. Trátase do Ágora Boqueixón, Alquimia, Axel Arteixo, Buxaina, Compostela, Conxuro Laracha, Galia, Lenda, Maxia, Oroso e o club de patinaxe de Ribeira.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica que o Concello de Ames colabora neste campionato prestándolle ao Club de patinaxe Sarela as instalacións do pavillón polideportivo de Bertamiráns. Ademais, agradécelle ao club amesán “a súa determinación e traballo para poder organizar en Ames dito campionato. Aínda que non poderá asistir público polas restricións vixentes derivadas da Covid-19, xa é un logro poder volver a organizar eventos deportivos no municipio despois de tanto tempo".

cartel campionato provincial patinaxe