[19-06-2013] O campo municipal de Bertamiráns acolleu este pasado luns, 17 de xuño, pola tarde a final de Copa do II Torneo de Veteranos de Fútbol 7, que puxo o broche final á competición de veteranos que se desenvolveu ao longo da presente tempada. Este evento estivo organizado polo Bertamiráns FC en colaboración co Concello de Ames. O segundo Torneo de Veteranos de Fútbol 7 desenvolveuse todos os luns no campo municipal de Bertamiráns.
Final da Copa de Veteranos
O partido empezou cos dous equipos igualados e con ocasións nas dúas porterías, pero aos 15 minutos xa gañaba o Inelcea por 1-0 tralo gol de Gonzalo. Antes de chegar ao descanso empatou o Don Budy cun gol de Pampín. Tralo descanso, o Don Budy foi a polo partido e conseguíu porse 4-1 con goles de Pampín en dúas ocasións e de Luís, pero o Inelcea deu un último empuxón e con goles de Capi e Gonzalo púxose 4-3, momento onde apareceu Neo, o porteiro de Don Budi, para darlle a vitoria ao seu equipo.
Trala final, procedeuse á cerimonia de entrega de premios do torneo, onde estiveron presentes a concelleira de Deportes, María Eugenía Martín, o concelleiro de Educación e Xuventude, Bernardo Moar, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño.
O campo municipal de Bertamiráns acolleu este pasado luns a final de Copa do II Torneo de Veteranos de Fútbol 7, que puxo o punto e final á competición que se desenvolveu durante todos os luns da presente tempada. Esta iniciativa contou con dúas fases, unha de Liga desenvolvida a través dunha liga a dobre volta, e outra competición de Copa de Veteranos.
O campión de Liga foi o Don Budi CF, mentres que na segunda posición quedou o B&B Dubra. O terceiro posto foi para o equipo All Bois. Na competición de Liga o mellor xogador foi Ramón Villar, mentres que o premio de mellor porteiro recaeu en Delfín Pérez e Jesús Nieto, xa que empataron na clasificación final. Como máximo goleador quedou José Manuel Trigo.
Ademais da Liga disputouse a Copa de Veteranos. A competición organizouse a través de dous grupos de cinco equipos cada un. Primeiro disputouse unha liga a dobre volta para ditaminar os dous primeiros de cada grupo. A continuación, os dous mellores equipos de cada grupo disputaron as semifinais a dobre partido.
Para chegar a esta final o conxunto do Mcc-Inelcea ganoulle ao equipo do Imprenta Arigraf remontando un 3-2 na ida cun 6-2 no partido de volta, e disputou a final contra o Don Budi CF, que se impuxo ao B&B Dubra por un 1-0 e 3-1 respectivamente. Os dous equipos atoparanse de novo na final, xa que ambos estiveron encadrados no mesmo grupo.