Solapas principales

O Club Ciclista de Ames realiza este domingo o Camiño de Fisterra

Viernes, 16 de septiembre de 2011

[16-09-2011] Este domingo 18 de setembro, o Club Ciclista de Ames organiza, por segundo ano consecutivo, unha ruta en bicicleta polo Camiño de Fisterra. Nesta actividade participan, tamén, as agrupacións de Brión, Negreira e Santiago de Compostela. Como unha forma de despedir a tempada, estes clubs organizan esta ruta ciclista onde comparten experiencias e onde fan un balance sobre a situación vivida neste ano. Por outra banda, esta xuntanza serve tamén para afianzar alianzas e marcar novos proxectos de cara á futura tempada. Con estas actividades, os clubs ciclistas buscan fomentar a práctica deste deporte e promover a bicicleta como unha alternativa ecolóxica de transporte.

A saída está prevista para as 9:00 h. da mañá dende a Praza do Obradoiro. Os ciclistas farán o camiño pasando por Bertamiráns, Noia e A Serra de Outes. Ao chegar a Carnota, segundo a ruta prevista, farán un pequeno descanso, onde o corpo poderá tomar un respiro e onde poderán tomar un refrixerio para coller forzas. Estímase que cheguen a Fisterra, se non se presenta ningunha incidencia, en torno ás 14:30 horas. Na "meta", os e as asistentes poderán refrescarse para, máis tarde, compartir unha entretida xornada gastronómica onde os e as participantes gozarán da boa compañía doutros amantes da bicicleta. Ás 17:30 horas, as rodas darán as súas últimas voltas posto que un autobús será o encargado de levar estes ciclistas as súas casas. Unha intensa xornada onde a bicicleta se converterá na protagonista absoluta e onde os e as asistentes compartirán un domingo con outros amantes e defensores do ciclismo.

Nesta ruta ciclista poden participar todas aquelas persoas que o desexen. Será requisito imprescindible ter bicicleta propia e cubrir un formulario de inscrición que aparece na páxina web do Club Ciclista de Ames (http://www.ccames.com/). Para participar non fai falta estar federado e soamente é necesario estar acostumado a andar en bicicleta. En palabras do presidente do club amiense, Rafael del Castaño, "non se trata dun adestramento serio", polo que se esperará a todos os ciclistas e contarán tamén co apoio dunha furgoneta de asistencia. Unha actividade para aqueles amantes da bicicleta que ven neste deporte unha forma entretida e saudable de ocupar o tempo de ocio.

Dende o Club Ciclista de Ames preténdese, con este tipo de actividades, fomentar esta práctica deportiva tan importante para o coidado do corpo e tamén do medio ambiente, un deporte saudable e ecolóxico ao mesmo tempo. Dende o Concello de Ames tamén apoian esta practica deportiva. Por iso, celebran o próximo 16 de outubro, o VII Día da Bicicleta onde se promove a bici como un medio de transporte sustentable que deixa de lado, por un día, o mundo da contaminación. Por outra banda, como medidas para estimular esta práctica deportiva, o club ciclista amiense organiza diversas rutas en bicicleta durante as fins de semana de todo o ano. Percorridos curtos e suaves onde gozar da paisaxe e da bici.