Solapas principales

O ciclo de cine xuvenil ao aire libre comeza mañá xoves cunha película de Luís Tosar

Miércoles, 05 de agosto de 2020

O parque do Río Ameneiral acolle o xoves, 6 de agosto ás 22:00 horas, a proxección de “Quen a ferro mata”, unha das últimas películas do actor galego Luís Tosar. Con esta proxección iniciase o ciclo de Cine Xuvenil ao aire libre que organiza a concellaría de Mocidade a través da OMIX. Está prevista para estes meses de verán, a proxección doutras tres películas de factoría galega: “A praia dos afogados”, a “Esmorga” e “O que arde”. A entrada para desfrutar da proxección é de balde e o aforo limitado para manter a distancia e as normas de seguridade de hixiene que impón a loita contra o COVID19. A actividade forma parte do programa “Visións”, pertencente á rede cultural da Deputación e está incluída no programa de fomento da Economía e a Cultura en Ames, AmesON.

As catro películas elixidas posúen esa cualidade de non deixar indiferente, de provocar, de abrir preguntas e debate”, manifesta a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín. “Ademais -engade- gabamos o feito de contribuír a espallar a cultura cinematográfica galega e de proxectar películas que, ás veces, desgraciadamente, é difícil atopar nas salas comerciais de cine”.

A primeira das sesións de Cine Xuvenil ao aire libre terá lugar o xoves 6 de agosto, ás 22:00 horas no parque do Ameneiral. Proxectarase “Quen a ferro mata”, un dos últimos traballos do actor lucense, Luís Tosar. Dirixida por Paco Plaza e producida, entre outros, pola produtora galega Vaca Films, “Quen a ferro mata” conta, en clave de thriller, a historia de Mario, un enfermeiro que traballa nunha residencia de anciáns dun pobo da costa galega e a súa relación co narcotraficante Pablo Padín cando este, que acaba de saír da cadea, ingresa no centro asistencia. A película, estreada no ano 2019, obtivo os premios Goya ao mellor actor revelación, Gaudí ao mellor actor secundario e Feroz ao mellor actor de reparto para Enric Auquer. Os galegos Xan Cejudo, Dani Currás e María Vázquez forman parte do reparto.

O ciclo continuará coa proxección de “A praia dos afogados”, versión cinematográfica da novela de Domingo Villar que se poderá ver no anfiteatro do Milladoiro o 20 de agosto ás 22:00 horas. O pazo da Peregrina acollerá o 29 de agosto, tamén ás 22:00 horas “A esmorga”, película baseada na novela do mesmo título de Eduardo Blanco Amor, e dirixida por Ignacio Villar. O ciclo concluirá con “O que arde” de Oliver Laxe, a película galega máis premiada de todos os tempos que poderá verse no anfiteatro de O Milladoiro o día catro de setembro ás 22:00 horas.

Cine ao aire libre en Bertamiráns