- Tematica
O Centro Cultural Mahía, en colaboración coa Asociación Veciñal de Bugallido e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, organizan o Festival Outono Escénico de Bugallido, un novo proxecto cultural que traerá ao longo do mes de outubro e novembro un total de tres propostas culturais á parroquia amesá. Deste xeito, búscase achegar as artes escénicas ás zonas do rural amesán xunto con descentralizar a actividade cultural dos núcleos urbanos do concello. A primeira xornada do festival celebrarase este domingo, 5 de outubro, ás 19.00 horas, coa representación de “SOFÁ (ao pé)" de Cía. martaalonsotejada na planta baixa do Centro Cultural Mahía. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.
A parroquia de Bugallido estreará esta fin de semana unha nova proposta cultural, o Festival Outono Escénico Bugallido, un evento que ofrecerá tres espectáculos de artes escénicas no Centro Cultural Mahía nos meses de outubro e novembro. O obxectivo desta iniciativa é achegar ao rural amesán as artes escénicas e, así, descentralizar a actividade cultural dos núcleos urbanos do concello.
O programa desta primeira edición do FOEB inclúe tres propostas diversas, de calidade e en galego: danza-teatro, monólogo e teatro, unha boa mostra das tendencias escénicas máis destacadas do momento. Tódalas funcións terán lugar ás 19.00 horas na planta baixa do Centro Cultural Mahía e serán de entrada libre e de balde ata completar aforo.
Programación do Festival Outono Escénico Bugallido
O espectáculo que abrirá o festival este domingo, 5 de outubro, será “SOFÁ (ao pé)” de Cía. martaalonsotejada, unha comedia dirixida a todos os públicos que fusiona danza con teatro, circo e música. Os protagonistas desta historia son unha parella, Marta e Pablo, que se coñeceu bailando e que, por falta de tempo por mor da carga de traballo, xa non poden continuar a facelo. O sofá é o lugar onde as parellas se reúnen ao rematar o día para estar xuntos e descansar. Pero... sempre hai un pero.
O día 19 de outubro será a quenda de Leti da Taberna, co monólogo “Enredada”, dirixido para público adulto, onde recrea unha “taberneira virtual” na que emprega a retranca para realizar crítica social. Nesta ocasión, ironiza sobre a nosa relación coas redes sociais e como nos inflúen no noso día a día.
Xa no mes de novembro, o día 2, pechará o festival a peza teatral “Balas sobre Broadway” de Carauta Teatro, unha comedia dirixida para todos os públicos ambientada na vibrante Nova York dos anos 20, na que se mestura o mundo escuro da mafia coas inquedanzas artísticas dun novo director de teatro que quere abrirse camiño en Broadway.






