Solapas principales

O CEIP de Barouta entrega os alimentos e produtos de hixiene recadados na sexta carreira “Móvome pola Paz”

Viernes, 04 de febrero de 2022

O CEIP de Barouta fixo entrega esta mañá ao Banco de Alimentos de Ames das doazóns de produtos de alimentación e hixiene realizadas pola comunidade educativa do centro. As achegas foron recollidas co gallo da celebración da sexta edición da carreira solidaria “Móvome pola Paz”, que Barouta organiza cada ano para conmemorar o Día Mundial da Paz e da Non Violencia, o 30 de xaneiro.

Malia non poder gozar do público e ter que organizar o evento solidario un ano máis baixo as restricións sanitarias, a carreira “Móvome pola Paz” do CEIP de Barouta mantivo o seu ton de festa e de solidariedade. A rapazada do centro viviu unha xornada especial nos seus grupos burbulla e asemade, a recadación de alimentos e produtos de hixiene recordou á de anos anteriores, nos que se chegaron a recoller media tonelada de víveres.

Esta mañá, o CEIP de Barouta realizou a entrega das doazóns da súa comunidade educativa ao Banco de Alimentos de Ames, nun pequeno acto no propio centro ao que acudiron a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo; o mediador intercultural Leonardo Pena; a educadora familiar Soraya Añón; o director do CEIP de Barouta, Alonso Caxade, e a xefa de estudos do centro, Vito García.

Entre os produtos recollidos, nos que se poden atopar caixas de aceite, pasta, legumes, alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene, fixéronse notar artigos pensados para a infancia, unha das premisas do centro durante esta campaña. Deste xeito, o Banco de Alimentos recibiu cereais, galletas, cueiros, dentífricos para nenas e nenos ou toalliñas de aseo, entre outras doazóns.

Unha vez concluída a campaña de recadación con éxito, os alimentos e produtos hixiénicos pasan a dependencias do Banco de Alimentos de Ames, que nas próximas semanas repartirá os víveres doados ás familias que se benefician do programa municipal de alimentos.

A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, agradeceu esta iniciativa un ano máis, “coa que se traballa a solidariedade e se fai un labor importantísimo de sensibilización e concienciación sobre as diferentes realidades que viven as familias, ademais de reverter de forma positiva no propio concello”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Media tonelada de ayuda para el banco de alimentos de Ames"

El Correo Gallego: "Media tonelada de víveres para o banco de alimentos co colexio de Barouta"

Compostela 24 Horas: "O CEIP de Barouta entrega os alimentos e produtos de hixiene recadados na sexta carreira “Móvome pola Paz”"

O CEIP de Barouta entrega os alimentos e produtos de hixiene recadados na sexta carreira “Móvome pola Paz”

Multimedia

  • O CEIP de Barouta entrega os alimentos e produtos de hixiene recadados na sexta carreira “Móvome pola Paz”