Solapas principales

O “Canta con Ames” volve este sábado ao Milladoiro coa semifinal do concurso

Viernes, 05 de agosto de 2022

A praza de Manuel Murguía no Milladoiro acolle este sábado día 6 de agosto ás 19:30 horas a semifinal do “Canta con Ames”. As vinte persoas seleccionadas interpretarán un tema para facerse co voto do xurado. Esta xornada do “Canta con Ames” conta, ademais, con dúas convidadas de excepción, Carmen e Lara as gañadoras da categoría infantil e xuvenil respectivamente da pasada edición do Canta con Ames interpretarán un tema. Nesta fase do concurso o xurado escollerá un máximo de 12 seleccionados para pasar á final que se vai celebrar o 27 de agosto en Bertamiráns.

O “Canta con Ames” é un concurso organizado pola Concellaría de Promoción Económica en colaboración coas asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. A segunda edición do "Canta con Ames" comezou coas dúas xornadas de preselección na que participaron 25 persoas. O 1 de xullo realizouse a primeira xornada de preselección na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, onde actuaron 11 persoas, mentres que a segunda xornada de preselección tivo lugar o pasado venres, 8 de xullo, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, onde actuaron outros 14 participantes.

Tralas dúas xornadas de preselección e a decisión xurado toca pasar á seguinte fase. A semifinal será este sábado 6 de agosto, ás 19.30 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. As 20 persoas seleccionadas interpretarán unha canción (ou segmento) en idioma galego, castelán ou inglés para intentar convencer ao xurado de que son merecedores/as de estar na final do “Canta con Ames”.

Na categoría infantil escoitaremos as voces de Celestes Ramos, Ana Ramos, Adriana Vigo, Antía Holovat, David Castiñeiras e Julia Barreiro, mentres que na categoría xuvenil cantarán María Iglesias, Alejandra Formoso, Raysa Luciana, Anxo Villanueva e Paula Fernández. Por outra banda, na categoría sénior estarán na semifinal María Salaño, Elvira Otero, Cecilia Pampín, Montse Angueira, Alicia Celdrán e Marlón Steven. Por último na categoría súper sénior poderemos escoitar a Rosa Arauzo, José Rey e Ruth González.

Esta xornada contará, ademais, con dúas convidadas de excepción; Carmen e Lara, as gañadoras da categoría infantil e xuvenil respectivamente da pasada edición do “Canta con Ames”, volverán subir ao escenario para cantar unha canción.

O propio día da semifinal o xurado escollerá un máximo de 12 seleccionados para pasar á final. A gran final realizarase o 27 de agosto, ás 19.30 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Nesta fase as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical.

Premios
O xurado anunciará o día da final un gañador ou gañadora por categoría. Por cada categoría, aos 4 gañadores ou gañadoras premiaráselles cun trofeo en recoñecemento da participación, unha cesta saudable, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, cantar nas prebadaladas de fin de ano, unha tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos comercios da asociación de comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), e unha tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos comercios da Asociación de Empresarios Polígono Novo Milladoiro.

Por outra banda, aos 8 participantes que cheguen á final en cada categoría premiaráselles cun trofeo, unha cesta saudable, un vídeo profesional do seu paso polo concurso e unha tarxeta regalo valorada en 30 euros para gastar nos comercios da Asociación de Comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Actuación da Panorama
Ademais dos premios recollidos nas bases da segunda edición do concurso “Canta con Ames”, os/as gañadores/as do certame poderán actuar como abreconcerto da orquestra Panorama, que estará o domingo 18 de setembro no Milladoiro.

O “Canta con Ames” volve este sábado ao Milladoiro coa semifinal do concurso

Multimedia

  • O “Canta con Ames” volve este sábado ao Milladoiro coa semifinal do concurso
  • O “Canta con Ames” volve este sábado ao Milladoiro coa semifinal do concurso