Solapas principales

O Campionato do Mundo IAU de 100K suporá un impulso turístico e porá a Ames no mapa

Lunes, 16 de marzo de 2026

O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, presentaron esta mañá o logotipo do Campionato do Mundo IAU de 100 km, que se celebrará no municipio o 20 de setembro de 2026. Trátase da proba máis relevante do atletismo internacional de ultrafondo (International Association of Ultrarunners), que se ven celebrando dende o ano 1987 e que este ano se vai a celebrar no circuíto de 10 quilómetros de Sisalde, que está homologado pola Real Federación Española de Atletismo. Este evento deportivo suporá un impulso a nivel turístico para Ames, xa que está previsto que participen arredor de 600 atletas, ademais dos seis equipos, xuíces e xuízas técnicos, etc. 

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, avanza na organización do Campionato do Mundo IAU de 100 km, que se celebrará no municipio o 20 de setembro de 2026. Deste xeito, esta mañá presentouse o logotipo de dito campionato, que vai a celebrarse no circuíto de 10 quilómetros de Sisalde, que está homologado pola Real Federación Española de Atletismo.

Este evento deportivo suporá un impulso a nivel turístico para Ames, xa que está previsto que participen arredor de 600 atletas, ademais dos seis equipos, xuíces e xuízas técnicos, e demais persoal que participa neste proba deportiva de índole internacional. 

Ames foi valorado pola súa contorna paisaxística e o seu ambiente comunitario, o que ofrece un marco perfecto para recibir a atletas e visitantes de todo o mundo. As rúas e rutas do municipio, así como a súa tradición deportiva, son o escenario perfecto para que os participantes poñan a proba os seus límites nun dos eventos de maior prestixio dentro do atletismo de ultradistancia.

Presentación do logotipo
No logotipo pódese ver como o mapa do concello de Ames abraza a un corredor de ultrafondo, que supera A Ponte Maceira, un dos elementos patrimoniais máis importantes de Ames. Ademais, no logotipo tamén se pode ver unha cuncha de vieira, que representa os tres Camiños de Santiago que discorren polo concello de Ames: o Portugués, o de Fisterra e o de Muros e Noia.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou “que esta proba deportiva se celebre en Ames significa moito, non só propio día da proba, senón durante esa semana, xa que os atletas xa empezan a vir uns días antes e van facer percorridos para coñecer o circuíto. Estamos falando de máis de 600 atletas de máis de 20 países distintos do mundo, co cal o que imos é a situar ao Concello de Ames no mapa de visitas, no mapa turístico”. 

Ademais, engadiu “o que imos intentar é que estas persoas que veñen, non só os 600 deportistas, senón toda a infraestrutura que traen con eles, que van ser moitas máis, leven o nome de Ames por aí adiante, de embaixadores, e consigamos que veña máis xente a visitar o noso concello. Hai que lembrar ademais que somos o único concello de Galicia polo que pasan tres camiños de Santiago, co cal é un punto moi importante, sobre todo se temos en conta que no ano 2027 vai ser o Xacobeo”.

Por outra banda, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, dixo “para Ames acoller esta proba énchenos de satisfacción porque é poñer ao noso concello no mundo, xa que estamos falando dunha competición a nivel internacional na que virán deportistas de distintos países, co cal será tamén unha mistura de culturas, de coñecemento, e nos fará desfrutar dunha proba deste nivel, de 100 quilómetros, no noso municipio, que agardamos que sexa do agrado de todos e que cumpran as expectativas”. 

Señorís tamén destacou “para nós como dicía é un orgullo acoller esta proba, acoller a estes deportistas e agardamos que o tempo nos acompañe para poder desfrutar o máximo deste encontro. Hoxe tivemos a presentación do logo oficial e seguimos dando pasos para que esta proba sexa todo un éxito a nivel deportivo, municipal e sigamos poñendo esas bases para o deporte”.

Xuntanza de coordinación
A finais do pasado mes de xaneiro realizouse unha reunión na que participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, o director de comunicación da IAU e coordinador xeral do evento, John O’Regan, e o vicepresidente do Comité Técnico e delegado técnico do campionato, Tamás Molnar. 

Pola parte da organización local asistiron tamén Francisco Rico, coordinador do campionato a nivel local, Maribel Montes, secretaria xeral de dito campionato, así como Alberto Viaño e Iván Sanmartín, técnicos municipais de Deportes do Concello de Ames, xunto con membros do equipo técnico e do goberno municipal. 

Durante dito encontro abordáronse aspectos organizativos e técnicos clave, así como a coordinación entre todas as partes implicadas. O principal obxectivo da xuntanza foi planificar os detalles fundamentais da proba, reforzar o traballo conxunto entre a IAU e o Concello de Ames e garantir que o campionato se celebre con éxito, cumprindo os máis altos estándares internacionais. 

Novas relacionadas:

AmsGo!: "A celebración do Campionato do Mundo IAU de 100K trae consigo un pulo turístico e económico"

O Campionato do Mundo IAU de 100K suporá un impulso turístico e porá a Ames no mapa

Multimedia

  • O Campionato do Mundo IAU de 100K suporá un impulso turístico e porá a Ames no mapa