Solapas principales

O BOP publica a resolución definitiva dos fondos DUSI con 5 millóns de euros para o Concello de Ames

Sábado, 29 de julio de 2017

O Concello de Ames vén de coñecer esta semana a concesión definitiva dunha axuda de 5 millóns de euros ao ser seleccionado na segunda convocatoria europea de fondos DUSI. Este pasado martes, 25 de xullo, publicouse no BOE a resolución de 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (DUSI) que serán cofinanciadas mediante o programa Operativo FEDER de Crecemento Sustentable 2014-2020, convocadas por Orde HAP/1610/2016, de 6 de outubro. Asemade, acábase de asinar un contrato de asistencia técnica coa empresa consultora Eosa para que durante os vindeiros seis meses conforme o expediente que hai que enviarlle ao órgano concesionario dos fondos.

Deste xeito, no prazo de 10 días, a contar desde o día seguinte ao da publicación da Resolución no Boletín Oficial do Estado, o Concello de Ames comunicaralle ao órgano que resolveu o procedemento a aceptación da axuda outorgada. Dita comunicación formularase exclusivamente por vía electrónica. A aceptación da axuda implica a aceptación de que a entidade apareza na lista de beneficiarios publicada de conformidade co artigo 115, apartado 2, do Regulamento (CE) número 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de decembro de 2013. A aceptación de dita axuda farase a través duns modelos remitidos con tal finalidade. Asemade, a partir da vindeira semana comezarase a enviar outro tipo de documentación que foi solicitada co obxectivo de dispoñer deste fondos europeos.

O Concello de Ames aportará 1.250.000 euros ao financiamento das accións estratéxicas do Plan Impulsa Ames, complementando así a axuda FEDER concedida e incrementando os investimentos ata os 6.250.000 euros.

O plan Impulsa Ames ten unha vixencia ata o ano 2020 con 5 liñas de actuación tanto no ámbito social, climático e enerxético, ambiental, demográfico e económico. A través das diferentes anualidades Ames irá implantando cada unha das accións estratéxicas en cada ámbito de actuación. A dimensión transversal deste plan de impulso para o Concello terá unha repercusión directa na mellora dos servizos e infraestruturas de Ames. Os fondos acadados distribuiranse principalmente ao longo das anualidades 2018, 2019 e 2020, de xeito que será no ano 2019 no que maior cantidade económica se invista. Miñones afirma que “o programa Impulsa Ames transformará o noso concello e sumarase aos importantes proxectos xa postos en marcha”.

Plan de investimentos
O plan Impulsa Ames deseña as necesidades do Concello no eido urbano a partir do estudio dos problemas. Os investimentos que se plantexan fanse en torno a uns obxectivos temáticos e específicos e conforme aos retos de cohesión social, mellora de mobilidade, dotación de espazos verdes, accesibilidade, fixación de poboación e dinamización local.

Así, no eido social apostarase pola mellora do acceso aos servizos públicos a partir da Administración electrónica e a mellora de dotación e modernización de equipamentos públicos e control eficiente. Outro eixe será a modernización do equipamento municipal con eficiencia enerxética e control lumínico do alumeado mediante sensorización das instalacións. A mellora da mobilidade e conectividade será un dos investimentos de maior calado cun plan de transporte público entre O Milladoiro e Bertamiráns complementado con transporte baixo demanda para o rural.

Tanto a medida anterior como o programa de mellora de consumos enerxéticos coa implantación de sistemas de control luminaria pública e en edificios públicos permitirán abordar o eido climático e enerxético. Estas actuacións complementaranse co investimento que acaba de aprobarse para aforro enerxético do alumeado público do Milladoiro e no que se investirán máis de 350.000 euros cos fondos de aforro e investimento xa aprobados.

Humanización de rúas e a creación de sendeiros educativos

En materia urbanística o Impulsa Ames recolle a humanización de rúas e a creación de sendeiros educativos, que permitan a conectividade a pé dos centros escolares e deportivos de Bertamiráns e do Milladoiro. Tamén se fará un forte investimento económico no parque central verde do Milladoiro co obxectivo de ampliar o espazo de ocio do núcleo urbano e que é tan necesario para dispor nesta localidade dun espazo de esparexemento que xa na actualidade estase a transformar con fondos municipais.

No ámbito demográfico apostarase pola creación dun Centro multifuncional de ocio, cultura e promoción económica e no que se investirán preto de 1,3 millóns de euros. A esta nova oferta sumarase un programa de dinamización comercial e o programa piloto de unidade habitacional de interese social.

Estas son as liñas mestras que ao longo dos vindeiros meses deseñaranse a partir dos diferentes grupos de traballo establecendo as prioridades de inversión e proxectando os orzamentos anuais para levar a cabo, así como os mecanismos de obtención dos fondos que financien os investimentos.

Asistencia técnica
O Concello de Ames xa comezou a traballar na parte administrativa necesaria para o desenvolvemento do pan. Así, asinouse un contrato coa consultora Eosa para a realización dunha asistencia técnica de seis meses que permita ir xustificando e programando cada un dos trámites que dende o Ministerio estanse a solicitar. A consultora Eosa foi a encargada da realización do proxecto Impulsa Ames e como tal é boa coñecedora dos obxectivos plantexados na estratexia, así como de todas as accións deseñadas, contando ademais cunha ampla experiencia en proxectos FEDER que permitirá unha maior axilidade na presentación da documentación.

José Miñones afirma que “neste mesmo ano 2017 xa poderemos poñer en marcha o plan Impulsa Ames con algunhas das accións propostas de xeito que no 2018 os investimentos máis importantes poderán estar en marcha e mesmo algún deles rematados”.

Contido relacionado:


El Correo Gallego: "Ames xa conta coa concesión definitiva da axuda de 5 millóns para desenvolver o plan DUSI"

Imaxe da Casa do Concello