Solapas principales

O BNG traslada quince propostas para negociar co Goberno Local os orzamentos municipais de Ames

Jueves, 05 de febrero de 2026

O Grupo municipal do BNG de Ames formula quince medidas para avanzar cara un modelo de concello máis xusto, sostible e centrado na vida cotiá da veciñanza. “Son propostas plenamente asumibles dende o ámbito municipal e orientadas a dar resposta ás necesidades reais: como o dereito ao acceso á vivenda, a envellecer dignamente, á mellora das infraestruturas deportivas, á protección ambiental e ó equilibrio entre o medio urbano e rural”, explica a voceira nacionalista Escarlata Pampín.

O primeiro encontro tivo lugar onte co obxectivo de establecer un marco inicial de comunicación, intercambiar impresións e avaliar puntos de entendemento sobre cuestións de interese xeral. Nesta xuntanza o BNG  expresou a súa vontade  de chegar a acordos para acadar uns orzamentos beneficiosos para a veciñanza amesá. “Esta negociación enmárcase no propósito do BNG de seguir levando a cabo  unha política útil e construtiva, centrada nas demandas e necesidades das amesás e dos amesáns” resalta a voceira, Escarlata Pampín. “Na reunión de onte, dende o BNG establecemos as premisas previas para comezar a negociación, con propostas en positivo e coa vontade de dialogar e chegar a acordos se son bos para Ames”, engade Pampín.

En materia de vivenda,o BNG de Ames resalta a modificación da ordenanza do IBI, a aprobación da ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico e reservar unha porcentaxe para a construción de vivenda pública en  Bertamiráns.

Para a terceira idade destacan un centro municipal de envellecemento  activo,  un servizo municipal de acompañamento, e un plan de municipal contra a soidade non desexada.

No referente ao impulso do comercio local salientan duplicar a contía destinada a Bonos Consuma e  axudas ao comercio do Milladoiro creando unha partida orzamentaria especifica.

No tema das infraestruturas realzan un proxecto técnico de Pavillón Deportivo Municipal , dotar de espazos de encontro para a mocidade e  regularizar as instalacións municipais como o ximnasio municipal da Telleira.

En materia  medioambiental  un plan de  de xestión compostaxe comunitario, a recuperación ambiental do río Sar e a conversión do tramo  ferroviario abandonado entre Fraiz e A Moniña en senda verde.

Os nacionalistas recollen tamén varias peticións das asociacións rurais para o adecuada redistribución dos fondos das subvencións culturais e reforzar con fondos propios actuacións municipais como servizos básicos, acondicionamento de espazos comunitarios e contribuír á fixación de poboación no rural.

Escarlata Pampín destaca que “sendo o EDIL o programa de investimentos máis importante que vai desenvolver Ames nos vindeiros anos, consideramos que se debe priorizar a vertebración do municipio mediante a implantación dun sistema de transporte público e unha senda ciclable entre Bertamiráns e Milladoiro. Tamén reclamamos o transporte municipal que conecte os núcleos rurais con Bertamiráns e Milladoiro”.

O BNG traslada quince propostas para negociar co Goberno Local os orzamentos municipais de Ames